A Reconquista: Etapas e Formación dos Reinos Cristiáns
A Reconquista: Etapas
Tras a conquista, os musulmáns asentáronse na meirande parte da península, agás nas zonas montañosas do norte. Alí foron xurdindo núcleos de resistencia cristiá que foron liberándose do dominio musulmán e expandíndose cara ao sur.
Primeira Etapa: Formación dos Núcleos de Resistencia (Séculos VIII-X)
- Na zona occidental, a resistencia xurdiu nas terras montañosas da cordilleira cantábrica, no territorio de Asturias. O triunfo de Paio na batalla de Covadonga supón a orixe do reino de Asturias.
- Na zona oriental organizáronse varios núcleos de resistencia nos Pireneos que mantiveron escasos contactos entre si e que, protexidos polo imperio carolinxio, formaron condados que, pouco a pouco, foron independizándose e concentrándose no reino de Pamplona e os condados de Aragón e Barcelona.
Segunda Etapa: Consolidación dos Reinos Cristiáns (Séculos IX-X)
Durante os séculos IX e X xurdiron os novos reinos de León e de Galicia, que se mantiveron separados moi pouco tempo. A necesidade de contrarrestar a ameaza islámica fixo que a zona oriental do reino de León estivese moi fortificada, recibindo o nome de condado de Castela, que, pouco a pouco, foi actuando de forma independente. A fronteira entre o cristianismo e o islam situouse no río Douro.
Terceira Etapa: Avance e Formación de Novos Reinos (Século XI)
No século XI, especialmente desde o 1031, a inestabilidade política de Al-Andalus, dividida en pequenas taifas, provocou un forte impulso no proceso reconquistador e a formación do reino de Aragón e o reino de Castela.
Cuarta Etapa: Consolidación e Cruzada (Século XII)
No século XII, a pesar dos ataques dos almorábides, os reinos cristiáns conseguirán resistir e avanzar na reconquista, que adquiriu o carácter de cruzada á que se sumarán soldados e tropas doutros territorios de Europa. Ao mesmo tempo, consolídase o reino de Navarra e créase a Coroa de Aragón (1137) polo matrimonio de Petronila de Aragón con Ramón Berenguer IV, conde de Barcelona. Portugal tamén alcanza o status de reino con Afonso I Henriques.
Quinta Etapa: Grande Avance Cristián (Século XIII)
No século XIII prodúcese a unión definitiva dos reinos de Castela e León e de todos os que dependen deles. A derrota dos almohades na batalla das Navas de Tolosa (1212) permitiu conquistar case todo o sur e levante peninsular: Mérida, Córdoba, Xaén e Sevilla por Fernando III de Castela, e Murcia e Cádiz polo seu fillo Afonso X; o Algarve por Portugal, e Mallorca e Valencia pola Coroa de Aragón.
Sexta Etapa: Fin da Reconquista (Séculos XIV-XV)
O reino de Granada logrou manter a súa independencia durante dous séculos, debido tanto ás defensas naturais do seu territorio como ás crises internas do reino de Castela. No século XV, as loitas dinásticas e as revoltas internas dos nazaríes foron aproveitadas polos Reis Católicos para iniciar a súa conquista, que rematou no ano 1492 coa incorporación de Granada ao reino de Castela, dando fin así a Al-Andalus.