Poesía galega posfranquista: análise e evolución

Lingua e literatura3,53 KB

Poesía galega posfranquisma

A POESÍA GALEGA A PARTIR DE 1975

En 1975 iniciouse a transición democrática, o que permitiu á literatura galega vivir un novo rexurdir cultural e literario amparado polo recoñecemento do galego como lingua oficial de Galicia. Nesta liña, aprobáronse iniciativas como o Estatuto de Autonomía ou a Lei de Normalización Lingüística e creáronse editoriais (Xerais, Kalandraka, Baía...) e revistas (Nordés, Loia...).

No ámbito da poesía, autores como Ferrín continúan a súa traxectoria, e outros máis novos como X. Seoane anímanse a escribir poesía promovidos sobre todo polos recitais e premios literarios (Cidade de Vigo, Esquío...). Así e todo, o máis destacable é a creación de grupos poéticos como Rompente e entre os que destaca Ronseltz. En xeral, estes grupos caracterízanse polo seu carácter rompedor, mais en especial, Ronseltz, introduciu a combinación de elementos artísticos: texto, música, fotografía... Algunhas das súas obras son Anisia e outras sombras de Manuel Rivas ou Mar do fin da terra de Cesáreo Sánchez (texto) e Paulino Martínez (música), porén a máis representativa do grupo é Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados.

Nos 90, aparecen novos grupos como o Batallón Literario da Costa da Morte no que se integran poetas como María Lado, autora de Mar por medio, que tamén participa en recitais, xunto con Lucía Aldao, e que gañou en 2011 o certame literario María Mariño de Teo.

Por outra banda, tamén temos outros autores menos innovadores que trataron temáticas máis tradicionais: o amor, o erotismo, a evocación da terra, o paso do tempo... en obras como Estacións ao mar de Xoana Torres ou Balada nas praias do oeste de Manuel Rivas.

En liñas xerais, a poesía desta etapa caracterízase pola renovación da expresión lírica amorosa. Neste sentido, a expresión do erotismo inaugurouse con obras como Con pólvora e magnolias de Ferrín, na que introduce innovacións temáticas como a plenitude no amor ou a sensualidade dos corpos desexados. Así mesmo, nestas obras predomina a introspección do poeta a través de temas como os sentimentos propios, a lembranza da infancia ou o medo ao efémero, nesta liña, temos obras como Luminoso lugar de abatemento de Lois Pereiro.

Arredor dos 90 chegan novas xeracións que, en liñas xerais, seguen os temas anteriores e que impulsan novos certames (Dolmen, Ronseltz...), recitais e a renovación editorial (destaca Espiral Maior). Con todo, presentan novos temas máis relacionados coa situación social que os rodea como o feminismo, o ecoloxismo ou o pacifismo. Así mesmo, tamén introduciron innovacións formais: a expresión coloquial, pero culturalista e con referencias ao cotián. Cabe sinalar o dominio da poesía feminina e entre as súas figuras atopamos a Yolanda Castaño, autora de Erofanía, ou as xa nomeadas, María Lado e Lucía Aldao, autora de Unha ducia máis un.

Como conclusión, non podemos esquecer sinalar que o xénero poético é un xénero minoritario na literatura galega e salvo aquelas obras de autores consagrados ou con recoñecemento en certames literarios, en xeral, os poemarios teñen pouca tirada. A pesar disto, nesta etapa prodúcese un gran desenvolvemento promovido pola variedade de autores e tendencias e sobre todo pola actitude das novas xeracións, que procuraron achegar o xénero poético ao público.

Descargar

PDF Word HTML