Platón: Vida, Obra e Influencias Filosóficas

Filosofía e ética3,71 KB

Vida e Obra de Platón

Platón desenvolve a súa obra entre os séculos V e IV a.C. (Filosofía Antiga). Nace en Atenas no 427 a.C. no seo dunha familia aristocrática, clave nas súas relacións cos gobernantes dalgunhas *polis* da Italia Meridional, o que marcará a súa vida e o seu pensamento, posto que o seu obxectivo foi deseñar un modelo de sociedade xusta na que os seus cidadáns fosen felices. Potenciar a educación e acadar o coñecemento do universal eran os medios necesarios. No filósofo únense, polo tanto, a vocación política e a vocación filosófica. No 387 funda a Academia, escola de investigación inspirada nas comunidades pitagóricas e na que se estudaban matemáticas, música, astronomía e filosofía.

Influencias no Pensamento de Platón

Ningún filósofo pensa no baleiro. Platón recolle as teses de Heráclito sobre a concepción da realidade como devir e interprétaas como perpetuo fluír sen consistencia e sen posibilidade de coñecemento xenuíno. Neste sentido, comparte o convencemento de Sócrates de que é posible descubrir o que é cada cousa e construír un coñecemento universal, nun intento de superar o relativismo dos sofistas; tamén como o seu mestre asigna á educación e ao filósofo a tarefa de guiar aos seres humanos no camiño cara á virtude e á felicidade. De Anaxágoras toma a relevancia incuestionable da intelixencia universal (*Nous*) na concepción da realidade e na posibilidade do seu coñecemento. Á influencia pitagórica debe Platón a súa concepción da alma, inmortal e independente do corpo, e a importancia dos números e das matemáticas. Cos eleatas, sobre todo con Parménides, comparte o dualismo e reinterpreta a distinción entre vía da verdade e vía da opinión como coñecemento racional e coñecemento sensible; concibe o que é realidade baixo os atributos do ser parmenídeo (unicidade, permanencia, inmutabilidade, indivisibilidade, eternidade, perfección...). Ontoloxía, gnoseoloxía, ética e política únense no sistema platónico, o primeiro da historia do pensamento.

Evolución da Filosofía Platónica

A filosofía platónica foise reelaborando continuamente e distínguense varias etapas:

  • Período de xuventude: de marcada pegada socrática, no que se tratan problemas morais (*Apoloxía de Sócrates*).
  • Período de transición: no que se expoñen temas varios (de orixe pitagórica, linguaxe, coñecemento e política), e intúense as bases do seu pensamento (*Menón*).
  • Diálogos de madurez: nos que se desenvolve o eixo do seu sistema, a Teoría das Ideas, e trátanse todos os temas en profundidade (*Banquete*, *Fedón*, *Fedro*, *República*...).
  • Etapa crítica: na que o propio Platón expón algunhas obxeccións ás súas propias teses (*Parménides*, *Teeteto*).
  • Diálogos de vellez: nos que segue a cuestionarse diversos aspectos e presenta a súa cosmoloxía (*Timeo*), ao tempo que amosa certo desencanto polo seu ideal político (*As leis*).

A *República* e a Alegoría da Caverna

O texto pertence a *República*, o diálogo máis importante de madurez e no que se tratan os temas antropolóxico, ético, político, ontolóxico, gnoseolóxico, e todas as cuestións correspondentes. Neste fragmento, como xa adiantabamos, preséntase a parte final da Alegoría da Caverna, metáfora platónica que ilustra a explicación da dificultade do proceso cognoscitivo. Ese camiño desde a ignorancia ata o coñecemento verdadeiro é posible grazas á educación, e permite superar a mera opinión (*doxa*) sobre a falsa realidade e acadar o saber racional (*episteme*) sobre a realidade xenuína.

Descargar

PDF Word HTML