Platón: Pensamento, Dualismo e o Estado Ideal

Filosofía e ética4,37 KB

Platón: Vida e Fundamentos da Súa Filosofía

Platón (428-347 a.C.), filósofo grego, é un dos pensadores máis influentes na historia da filosofía occidental. Naceu en Atenas nunha familia pertencente á nobreza. Foi discípulo de Sócrates. Viaxou a diferentes lugares e, despois da morte de Sócrates, volveu e creou unha academia. Ao contrario doutros filósofos, a súa obra chegou á actualidade en case toda a súa totalidade. O núcleo da súa filosofía é a denominada Teoría das Ideas; todo o seu pensamento articúlase nesta teoría, incluíndo o comportamento dos humanos, o coñecemento do mundo, etc.

A Teoría das Ideas: Dous Mundos de Realidade

A Teoría das Ideas non se encontra formulada como tal en ningunha das súas obras, senón tratada, dende diferentes aspectos, en varias obras que escribiu durante a súa etapa de madurez, coma “A República”, “Fedón” e “Fedro”. Polo xeral, considérase que a Teoría das Ideas é propiamente unha teoría platónica. Platón distingue dous mundos de realidade:

  • O mundo das ideas: constitúe a verdadeira realidade, a que só se pode alcanzar mediante a razón.
  • O mundo sensible: está formado polas cousas que percibimos a través dos sentidos.

Tipos de Coñecemento en Platón

Este filósofo diferencia dous tipos de coñecemento:

  • O coñecemento sensible: adquírese mediante os sentidos, no que se inclúen as cousas que forman parte do mundo físico e as súas imaxes e reflexos. É chamado “doxa”.
  • O coñecemento racional: adquírese mediante a razón, nel as ideas son universais. Chámaselle “episteme”.

A Antropoloxía Platónica: Corpo e Alma

O home componse de corpo e alma. A alma é inmortal e pertence ao mundo das ideas, e o corpo é o “cárcere da alma”. Así mesmo, a alma divídese en tres partes, representadas por un auriga, un cabalo branco e un cabalo negro:

  • A alma concupiscible: é representada polo cabalo negro, que é considerado o malo. É a fonte das paixóns innobles e das funcións necesarias do corpo. Está situada no abdome e é mortal.
  • A alma irascible: represéntase co cabalo branco, o bo. Está situada no tórax e é inseparable do corpo, por iso se di que morre canda el. É a responsable de como obtemos o que necesitamos ou queremos conseguir.
  • A alma racional: é a representada polo auriga, o guía do carro. Está situada no cerebro, é inmortal, intelixente e de natureza divina. Segundo o “Timeo”, creouse directamente polo Demiurgo, cos mesmos elementos que a Alma do Mundo.

O corpo é un estorbo para a alma, arrástraa coas súas paixóns e impídelle a contemplación das ideas. Por ese motivo, o mellor que lle pode pasar a un filósofo é morrer, e a filosofía é unha preparación para a morte.

Ética e Política: O Estado Ideal de Platón

Para Platón, o coñecemento debe estar orientado eticamente, é dicir, debemos ascender mediante o proceso da dialéctica para alcanzar como último nivel o Ben. Tamén afirma que a conduta humana debe estar guiada pola función racional da alma. Propón un estado baseado na busca da felicidade. Para ter unha vida normal, o ser humano necesita relacionarse e evita quedar illado. Platón pretendía crear unha cidade xusta, pero aínda estaba lonxe de chegar a ser democrática. O estado pódese dividir en tres partes:

  • O pobo: é a alma concupiscible.
  • O exército: é a alma irascible.
  • Os filósofos: a alma racional.

Na súa etapa de madurez, Platón escribe varias obras; nunha delas, chamada “A República”, propón un estado ideal, que na súa opinión todos os estados deberían seguir.

Conclusión: A Centralidade da Teoría das Ideas

Como comentamos anteriormente e podemos observar, toda a filosofía platónica relaciónase co mundo das ideas, xa que o seu pensamento está totalmente articulado con esa teoría.

Descargar

PDF Word HTML