Platón e o mito da Auriga: antropoloxía e ideas
Auriga: Este texto pertence a Platón, discípulo de Sócrates e mestre de Aristóteles, situado no s. IV a. C., no período clásico da filosofía antiga. Con Platón, a filosofía grega acada a súa madurez e plenitude. O pensamento de Platón ten claramente un obxectivo político: atopar unhas bases sólidas para construír unha sociedade xusta. Ten tamén unha intención ética, que defende a existencia dunha idea eterna e inmutable de xustiza que será a base da súa utopía política: a sociedade gobernada por filósofos.
As obras platónicas que se conservan están escritas en forma de diálogo; nelas Platón emprega mitos coa finalidade de que os contemporáneos poidan entendelas mellor. O texto que imos comentar pertence ao diálogo de Fedro, enmarcado no período de madurez; nel Platón trata a antropoloxía, onde a súa concepción do ser humano é dualista, é dicir, concíbeo como unha composición de corpo e alma, dúas naturezas ben distintas que están unidas só temporalmente.
O mito da auriga
Platón recorre ao mito da auriga para explicar a súa visión antropolóxica: un carro composto por un auriga e dous cabalos, un branco e un negro, que viaxa polo mundo celestial; pero o cabalo rebelea e cae todo o conxunto ao mundo sensible. Dende entón os tres loitarán para volver ao mundo celestial. Deste xeito alegórico, Platón amosa a alma dividida en tres partes, con diversas funcións:
- O auriga: representa a parte racional da alma.
- O cabalo branco: simboliza a parte irascible.
- O cabalo negro: simboliza a parte concupiscible.
Dualismo e teoría das ideas
Para explicar a visión antropolóxica de Platón, cómpre dicir que é consecuencia da teoría das ideas, na que afirmaba que o mundo ordinario percibido a través dos sentidos non é verdadeiro pola súa inestabilidade e imperfeccións. Para el, o coñecemento non pode estar suxeito a erro; ten que posuír certeza e estabilidade. Así, se pensamos que a verdade é alcanzable, ten que haber un mundo de obxectos ideais e estables detrás dos obxectos que captan os nosos sentidos: é o chamado mundo das ideas, no que só a alma ten a capacidade para contemplar a realidade verdadeira.
Establece así un dualismo entre o mundo intelixible e o sensible que se traduce agora no dualismo corpo/alma. O corpo é material, imperfecto, mutable e desprezable, pertencente ao mundo sensible, sendo un