Platón: Coñecemento, Doxa, Episteme e Ideas
Coñecemento: Doxa e Episteme
Para Platón existen dúas formas de coñecemento: a doxa e a episteme. O mundo sensible coñecémolo a través dos sentidos, que nos proporcionan un coñecemento imperfecto, pois todo o que captamos polos sentidos é cambiante. Por iso, este tipo de saber, chamado doxa ou opinión, é un tipo de saber falible e incompleto. O mundo das ideas coñecémolo a través da razón, a cal nos ofrece un saber verdadeiro, xa que as ideas nunca cambian. Este tipo de saber chámase episteme ou ciencia.
A Alegoría da Liña
Na República, Platón narra a alegoría da liña para describir os graos de coñecemento que existen, relacionados cos diferentes graos de realidade. Platón di que imaxinemos unha liña: nun lado da liña imos representar os graos da realidade e, do outro lado, os graos de coñecemento correspondente. Se partimos a liña en dous segmentos, temos que o tipo de coñecemento que corresponde ao mundo sensible é a doxa ou opinión, mentres que o tipo de coñecemento que corresponde ao mundo intelixible é a episteme ou ciencia.
Mundo Sensible
No segmento da liña que corresponde ao mundo sensible atopamos imaxes e cousas.
- As imaxes terían menos realidade que as cousas e o tipo de coñecemento que lles corresponde é a eikasia.
- As cousas son máis reais que as súas imaxes, e o tipo de coñecemento que lles corresponde é a pistis.
Tanto a eikasia como a pistis son modos de coñecemento inauténticos, baseados na opinión ou doxa.
Mundo Intelixible
No segmento da liña correspondente ao mundo intelixible, atopamos, no grao máis baixo de realidade deste mundo, os obxectos matemáticos, que son coñecidos pola dianoia. No grao superior do mundo intelixible atopamos as ideas, que son coñecidas pola noesis. A noesis consiste no verdadeiro coñecemento das ideas e é, para Platón, o grao máis alto de coñecemento. Pero dado que existe unha xerarquía entre as ideas, o filósofo que consiga chegar a este nivel de coñecemento deberá ir ascendendo dunhas ideas a outras, ata chegar a coñecer a idea superior a todas, a idea de ben: este proceso chámase dialéctica.
A Dialéctica
A dialéctica é o proceso gradual a través do cal se ascende ao verdadeiro coñecemento. Platón recoñece que superar a doxa para acadar a verdadeira episteme non é doado e só pode conseguirse mediante un difícil proceso para o que só estarán preparados os que practiquen a filosofía. Para chegar a coñecer a verdadeira realidade, o mundo das ideas, os filósofos deberán emprender un camiño ascendente no que irán pouco a pouco afastándose do mundo das aparencias que percibimos polos sentidos para coñecer as verdadeiras ideas.
A Teoría da Reminiscencia
Platón pensaba que coñecer é recordar. Se buscamos definir unha idea atopamos que non é posible buscar o que xa se coñece, pero tampouco é posible buscar o que non se coñece, pero temos esquecido. Esta é a teoría da reminiscencia de Platón. Platón cría que a nosa alma tivo unha existencia anterior "separada" do corpo. Nesa existencia a nosa alma pertencía ao mundo intelixible e coñecía as ideas. Cando a nosa alma caeu no mundo sensible, uníndose a esta cárcere que é o corpo, esqueceu o coñecemento das ideas. Pero o feito de que as cousas imiten as ideas fainos lembrar, é dicir, provoca esa reminiscencia do coñecemento que xa tiñamos.
O Amor
Ademais da dialéctica, no Banquete Platón di que hai outra forma de coñecemento que nos permite ascender directamente ao mundo das ideas: o amor. As cousas belas que coñecemos neste mundo transpórtannos directamente ao mundo das ideas e permítennos coñecer, ou mellor dito, lembrar a auténtica idea de beleza que, para Platón, é equiparable á idea de ben.