Pintura Gótica: Características e Escolas

Arte e humanidades2,3 KB

Contexto Cultural e Artístico

O estilo gótico desenvólvese entre mediados do século XII e o século XV. Coincide coa Baixa Idade Media, e contempla unha serie de importantes cambios e transformacións na vida civil, económica e relixiosa: a puxanza económica da burguesía como grupo social; o renacer e o desenvolvemento urbano; unha tímida secularización; un maior interese polo ser humano e a natureza; o xurdimento das ordes mendicantes ou o nacemento das universidades, entre outros trazos. O gótico, a diferenza do románico, será esencialmente un estilo urbano que potenciará o realismo e o naturalismo.

A arquitectura gótica, ao substituír os muros por amplos ventanais, reduciu os espazos para a pintura mural, que só mantivo a súa importancia en Italia. No resto de Europa foise impoñendo a pintura sobre táboa de madeira en forma de retablos dispostos sobre o altar e que podían ser fixos ou móbiles. Os retablos estaban formados por varias táboas, e podíanse pechar as laterais.

Pero a maior revolución pictórica virá coa nova técnica do óleo, difundida polos pintores flamencos que utilizarían o aceite como aglutinante.

Principais Trazos da Pintura Gótica

  • Os pintores góticos inspíranse na realidade e na natureza, polo que se interesan pola representación do espazo, da anatomía e da luz.
  • Maior aproximación á representación dos personaxes relixiosos (santos, anxos, a Virxe María…), nun plano máis humano que divino, cunha maior expresividade e rachando co hieratismo e o frontalismo da pintura románica.
  • Aparecen novos temas, como:
    • As paisaxes, que substitúen os fondos lisos e que se empregan para dar un maior realismo ás escenas.
    • Os retratos, ao principio dos doantes dos cadros, pero logo vai adquirindo maior importancia o retrato do aspecto físico e dos sentimentos dos individuos.
    • As naturezas mortas ou bodegóns, cun gran coidado dos obxectos.

A pintura experimenta un gran florecemento como arte, destacando sobre todo dúas correntes, tendencias ou escolas: a pintura italo-gótica e a pintura flamenca.

Descargar

PDF Word HTML