Perfil e funcións do empresario na pequena e mediana empresa
O perfil do empresario profesional
Un empresario profesional debería ter:
- Clara aptitude de liderado e capacidade empresarial.
- Habilidades como estratego e dotes de organización.
- Amplos coñecementos de marketing.
- Capacidade para a dirección de persoal.
- Facilidade e habilidade na comunicación.
- Capacidade negociadora e de resolución de conflitos, o que esixe flexibilidade e aptitude para xestionar o cambio, tanto organizativo como no contorno competitivo.
A planificación nas pequenas e medianas empresas
Unha das funcións da pequena e mediana empresa é a de planificar. Nas empresas grandes encárgase disto un grupo de persoas, mentres que nas medianas e pequenas é un grupo reducido ou unha soa persoa.
As vantaxes son:
- Maior facilidade de xestión debido ao menor número de persoas implicadas.
- Comunicacións máis fluídas.
- Facilidade para conseguir unha conciencia de grupo.
- Trato máis humano cos empregados, baseado no coñecemento persoal, o que facilita o ambiente de traballo.
Importancia da planificación estratéxica
A planificación é fundamental, xa que comporta o establecemento de obxectivos e a toma de decisións sobre as estratexias necesarias para alcanzalos. Isto leva implícito a asignación aos recursos humanos e materiais de tarefas específicas.
As decisións estratéxicas dunha empresa son:
- A selección dos obxectivos.
- Analizar os puntos fortes e débiles da organización.
- A selección dos produtos ou servizos que a empresa ofrece.
- O deseño de políticas que determinen a posición para competir nun mercado.
- A elección do alcance e nivel de diversidade no seu desenvolvemento.
- O deseño da estrutura organizativa e os sistemas de planificación e control necesarios para definir e coordinar o traballo.
A organización como proceso clave
Para levar a cabo os plans tácticos e estratéxicos requírese unha organización, que é o proceso de establecer a xerarquía, a división do traballo, os niveis de participación e a coordinación das actividades.
Son obxectivos da organización:
- Construír unha estrutura que permita definir e describir as funcións dos postos de traballo e as relacións entre eles.
- Establecer as liñas de autoridade e de responsabilidade.
- Crear as canles de comunicación necesarias entre todos os elementos da empresa.
- Establecer os procedementos para alcanzar os obxectivos programados.
- Determinar procedementos para a contratación e asignación dos recursos humanos.