Os niveis de coñecemento segundo Platón
Os graos de coñecemento
Platón, querendo conxugar o coñecemento do mundo sensible co do intelixible, establece dous grandes niveis de coñecemento. A cada grao ou nivel de ser faille corresponder un grao de coñecemento. Porque unha cousa é o coñecemento do mundo sensible, ao que chama opinión e outra o coñecemento do mundo intelixible, ao que denomina ciencia. Ademais, dentro de cada grao presenta dous niveis. Deste xeito, afirma Platón os seguintes niveis de coñecemento:
Ciencia
Trátase dun coñecemento obxectivo, universal do permanente, que é o mundo intelixible. Resulta, por tanto, o tipo de coñecemento superior, correspondente ao tipo de realidade superior: mundo das Ideas. Para os gregos, en xeral, a ciencia era aquel tipo de coñecemento que ten en si a garantía da súa validez. Este grao de coñecemento ofrece o grao máximo de certeza. Distingue Platón, á súa vez, dous graos de segunda orde:
Intelixencia intuitiva ou Nous
Trátase tipo superior de coñecemento, que, dunha maneira racional e inmediata, permite o coñecemento das ideas. O tipo de ciencia ao que dá lugar este grao de coñecemento é a dialéctica. A dialéctica é a ciencia que coñece as ideas e as súas relacións xerárquicas. Trátase dun coñecemento que vai cara aos principios.
Intelixencia discursiva ou dianoia
Trátase daquel grao de coñecemento, de carácter racional, que discorre indo dun concepto a outro, dun pensamento ao outro, que vai por pasos.
O seu obxecto de coñecemento son os números, as figuras xeométricas e, por tanto as demostracións matemáticas e lóxicas. O tipo de ciencia ao que dá lugar, evidentemente, é a matemática como coñecemento que vai desde as hipóteses ás conclusións.
Opinión
Trátase do coñecemento do mundo sensible. Tanto para Platón como para os gregos, a opinión consiste nun grao de coñecemento inferior á ciencia. A opinión pode ser verdadeira ou falsa, e é un coñecemento inestable porque trata de realidades cambiantes e se funda en percepcións. Posúe tamén dous niveis:
Crenza ou pistis
Trátase do coñecemento a través dos sentidos, das cousas físicas, das cousas perceptibles da natureza. Por ser coñecemento de cousas que non son máis que copias das ideas, trátase dun coñecemento imperfecto e que non pode ser sometido a demostración. Por tanto, non podemos dicir dunha crenza que sexa verdadeira nin falsa. A este nivel de coñecemento corresponden ciencias como a física ou a bioloxía.
Imaxinación ou eikasía
Trátase dun coñecemento das imaxes das cousas sensibles (sombras, reflexos), así como a dos seres de ficción, dos seres mitolóxicos ou das invencións dos poetas. Son realidades non se poden intuír pola razón e non son demostrables. Tampouco das ficcións da imaxinación podemos dicir que sexan nin verdadeiras nin falsas. A este nivel de coñecemento corresponden as artes, e actividades poéticas