O nacemento do liberalismo e a fin do Antigo Réxime
As Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812
En 1808, numerosas vilas e cidades formaron Xuntas de goberno; estas xuntas representaron unha ruptura coa orde política ata entón vixente e unha nova concepción do poder que podemos considerar revolucionaria. As xuntas asumiron o poder supremo e a soberanía na súa xurisdición, substituíron ou incorporaron as institucións e as autoridades tradicionais e declararon a guerra a Francia.
En Galicia, as xuntas provinciais formaron a Xunta Suprema Central Gobernativa de España e Indias, que exerceu o goberno de España desde 1808. Durante a guerra, entre as elites dirixentes foise estendendo a idea da necesidade de convocar unhas Cortes xerais e extraordinarias para coñecer a vontade do país e impoñer as reformas que fosen necesarias. Para a maioría dos nobres, tratábase de restablecer o sistema político tradicional. Para outros, os partidarios do liberalismo, era necesario realizar grandes cambios e transformacións: restrinxir o poder real e establecer unha constitución baseada na soberanía da nación e na separación de poderes.
O labor lexislativo das Cortes
As Cortes de Cádiz realizaron un intenso labor lexislativo; elaboraron numerosos decretos polos que se eliminaban as estruturas e os fundamentos xurídicos do Antigo Réxime. Entre estes decretos destacan:
- A proclamación da soberanía nacional e a separación de poderes (foi a primeira medida que tomaron os deputados de Cádiz).
- Abolición dos señoríos xurisdicionais e dos privilexios de orixe feudal (a xustiza, que ata entón estaba en mans da nobreza e da igrexa, pasou ao Estado).
- A liberdade de imprenta sen censura previa.
- A regulamentación do poder executivo.
- A formación dos concellos constitucionais e das deputacións provinciais.
- A creación do Tribunal Supremo de Xustiza e a supresión do tribunal da Inquisición.
O conxunto dos decretos e reformas das Cortes de Cádiz aboliron legalmente o Antigo Réxime.
A Constitución de 1812
- Soberanía nacional: o pobo é o posuidor do poder.
- Monarquía: o poder do rei estaba limitado e restrinxido a unhas determinadas funcións recollidas na Constitución.
- Separación de poderes: poder executivo, lexislativo e xudicial.
- Defensa dos dereitos e liberdades dos cidadáns.
- Unitarismo e centralismo político.
- Catolicismo de Estado: declarando a relixión católica como oficial e única autorizada.