Movimentos políticos e tratados na España do século XIX
Afrancesados:
Nome pejorativo co cal se coñece en España a unha minoría de partidarios da ocupación francesa da Península Ibérica durante a guerra de independencia e que respaldaron a política reformista de Xosé I de Bonaparte. Moitos deles tiñan ideas ilustradas ou liberais e consideraban que era a única posibilidade de introducir as ideas revolucionarias ao país.
Cantonalismo:
Ideoloxía política de carácter republicano federal que tivo o seu auge durante a 1ª República, sobre todo en Cartaxena. Contraria ao republicanismo unitario.
Estatuto Real:
Carta outorgada polo ministro Martínez de la Rosa durante o reinado de María Cristina de Borbón en 1834 na que pretendía realizar concesións políticas aos liberais que, en realidade, foi extremadamente moderada. Trátase dunha convocatoria a Cortes na que non aparece a soberanía nacional, nin a separación de poderes, nin os dereitos dos cidadáns.
Manifesto de Sandhurst:
Manifesto de carácter político firmado o 1 de decembro de 1874 polo príncipe Alfonso de Borbón, mentres estaba no exilio nesta academia militar de oficiais británica. Nel mostrase disposto a ser rei de España e partidario da monarquia parlamentaria.
Pronunciamento:
Tentativa revolucionaria, característica da España do século XIX e gran parte do s.XX, empregada polas distintas faccións liberais para derrubar un goberno ou facer presión sobre el para que adopte reformas ou cambie o sistema político. Tiña que contar co apoio de determinados xefes e forzas militares que se manifestaban e pronunciaban a favor desas peticións de cambio.
Sufraxio censatario e universal:
Dereito ao voto restrinxido só a unha parte da poboación que teña unhas características precisas, que lle permita estar inscritas nun censo electoral. O sufraxio universal non limita o voto polas razóns anteriores, só se establece un mínimo de idade para votar. Este foi inicialmente só masculino.
Tratado de Valençay:
Acordo asinado en decembro de 1813, por Napoleón Bonaparte polo que ofrece a paz e recoñece a Fernando VII como rei de España, como consecuencia das derrotas da guerra de Independencia, do deterioro do exército francés e do acoso das tropas españolas e británicas. O tratado non entrou en vigor polo seu rexeitamento.
Unión Liberal:
Partido político liberal fundado por Leopoldo O'Donnell na 2ª metade do século XIX. Nel participaron os sectores mais progresistas que veñen do partido moderado e os mais moderados que veñen do partido progresista para crear un centro liberal.