Movemento Obreiro e Clases Sociais na Revolución Industrial

Historia5,95 KB

O Nacemento do Movemento Obreiro

A concentración de obreiros nas fábricas fíxolles tomar conciencia da súa dura situación laboral e intentaron mellorala.

Que é o Movemento Obreiro?

Coñécese como o conxunto de iniciativas levadas a cabo polos traballadores asalariados para mellorar as súas condicións.

Ludismo

As primeiras reaccións contra as malas condicións laborais foron espontáneas e moitos obreiros destruíron as máquinas, culpándoas da súa situación. Este movemento coñécese como ludismo, porque os obreiros actuaban en nome de Nedd Ludd.

Cartismo

Foi o primeiro movemento con fins laborais e políticos. Entre os anos 1838 e 1848 logrou unha gran mobilización en Gran Bretaña, ao presentar no Parlamento a Carta do Pobo, un documento no que se reclamaban dereitos laborais e o sufraxio universal, pois nese momento os obreiros non tiñan dereito a voto. Nese tempo os obreiros só podían participar en sociedades de socorro mutuo, asociacións de apoio aos traballadores que enfermaban, quedaban no paro,...

O Dereito de Asociación e os Sindicatos

O dereito de asociación recoñeceuse por primeira vez en Gran Bretaña en 1824. A partir dese momento naceron os primeiros sindicatos, que reclamaban melloras laborais, redución da xornada laboral,... Uns anos máis tarde, cara 1833, produciuse a unión nacional de todos os trade unions. O seu principal instrumento de presión era a folga.

As Ideoloxías Obreiras

Marxismo ou Socialismo Científico

O marxismo ou socialismo científico debe o seu nome a un dos seus principais teóricos: Karl Marx. Xunto con Friedrich Engels publicou en 1848 o Manifesto Comunista, onde formularon as súas teorías. Afirmaban que nas sociedades industriais existe unha loita de clases entre opresores e oprimidos. Identificaban os opresores coa burguesía, propietaria dos medios de produción, que explotaba os obreiros para lograr maiores beneficios; e os oprimidos cos obreiros, que vendían aos primeiros a súa forza de traballo.

Marx propoñía emprender unha revolución para destruír o capitalismo e dar o poder aos traballadores. Tras unha fase de ditadura do proletariado, na que o Estado regularía a sociedade, estableceríase unha sociedade comunista, sen clases sociais nin propiedade privada. O Estado entón desaparecería. Tamén defendía a intervención dos partidos políticos e organizacións obreiras na política. Isto deu orixe aos partidos socialistas que se desenvolveron a partir de 1875.

Anarquismo

O anarquismo tivo como ideólogos a Joseph Proudhon e Mikhaíl Bakunin. Os anarquistas opoñíanse a calquera forma de Estado e aspiraban a substituílo por asociacións voluntarias entre as persoas. Defendían:

  • a colectivización da propiedade privada
  • rexeitaban os partidos políticos e a participación nas eleccións
  • Pensaban que a folga e a acción sindical debían ser os métodos de actuación revolucionaria.

As Internacionais Obreiras

A Primeira Internacional (AIT)

En 1864 as organizacións obreiras crearon a Primeira Asociación Internacional de Traballadores (AIT), que desapareceu pouco despois polos desacordos entre socialistas e anarquistas.

A Segunda Internacional

Algúns dirixentes socialistas fundaron en 1889 a Internacional Socialista (Segunda Internacional) para coordinar as organizacións obreiras marxistas. Esta organización creou algúns símbolos do movemento obreiro, como a festa do Primeiro de Maio.

Pouco a pouco, o movemento obreiro foi conseguindo logros importantes, como a redución da xornada laboral ou a limitación do traballo infantil.

As Clases Sociais na Sociedade Industrial

A Aristocracia

A aristocracia perdeu parte da súa preeminencia social cando se eliminaron os dereitos señoriais sobre os campesiños e comezou a pagar impostos. Ata o século XX, os aristócratas seguiron ocupando os postos máis prestixiosos na Administración, na xustiza, no exército,... A súa forma de vida era ostentosa.

A Alta Burguesía

A alta burguesía converteuse na clase poderosa da nova sociedade industrial. Engloba grupos diversos: empresarios, altos funcionarios e algunhas profesións liberais (médicos, avogados, xornalistas). Os burgueses vivían nas cidades, nos novos barrios do ensanche, con numerosos servizos, parques e xardíns públicos. Vivían en casas confortables e daban unha gran importancia ás aparencias.

As Clases Medias

A clase media era o grupo máis heteroxéneo, formado por mestres, artesáns, pequenos comerciantes, postos intermedios da Administración e do exército, profesores,... Daban moita importancia ao traballo e ao aforro para facerse cun patrimonio e tamén apreciaban a educación. Tiñan pouco tempo para o ocio que empregaban no café, no casino ou no club, no caso dos homes.

As Clases Baixas

A maioría da poboación era campesiña. No norte e oeste de Europa, abundan os campesiños propietarios, mentres que no sur eran xornaleiros que traballaban en grandes latifundios cobrando soldos moi baixos. No centro e leste de Europa estaban os servos. Coa Revolución Industrial naceu a clase do proletariado. Os obreiros realizaban tarefas que requirían pouca cualificación e cobraban soldos baixos que apenas lles chegaba para vivir. Os nenos deixaban a escola axiña porque o seu traballo era moi necesario para a economía familiar. As súas longas xornadas de traballo chegaban ás 12 horas.

Descargar

PDF Word HTML