Mobilidade Espacial da Poboación en Galicia
Mobilidade Espacial da Poboación:
O Éxodo Rural
No primeiro terzo do s. XX, rexistráronse fortes correntes migratorias desde as zonas rurais ás cidades, impulsadas polas novas actividades industriais e de servizos de área urbanas. Estes movementos interrompéronse durante a guerra civil e a inmediata posguerra, para rexurdir con moita máis forza nos anos cincuenta e, sobre todo, nos sesenta e na primeira metade dos setenta. Nesta época, a economía española experimentaba un elevado ritmo de crecemento, apoiado na industrialización e o turismo, que estimularon a construción de vivendas e infraestruturas, así como os servizos ás empresas e á poboación. Ao mesmo tempo, produciuse a mecanización de gran parte das tarefas agrarias, o que orixinou un éxodo masivo de poboación no medio rural. Só nos anos sesenta do s. XX cambiaron de residencia 4,2 millóns de españois, o 60% dos cales se trasladaron a outras provincias.
Na distribución espacial destas migracións interiores, cabe distinguir os seguintes espazos de orixe e destino:
- Os espazos emisores eran as áreas rurais do interior peninsular, ou espazos con sistemas agrarios en crise: Andalucía, Estremadura, as dúas Castelas, Aragón, Asturias, Galicia, etc.
- Os espazos atractores foron Madrid, Cataluña e o País Vasco, que se atopaban en pleno proceso de industrialización.
A chegada de inmigrantes xerou o crecemento das grandes áreas urbanas, como Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Sevilla e Zaragoza. Tamén creceron cidades máis pequenas, como Tarragona, Valladolid, Vigo, Avilés ou Huelva, e as principais áreas turísticas do país.
Novas Pautas das Migracións Interiores: de 1975 á Actualidade
As migracións interiores masivas de carácter laboral finalizaron bruscamente a mediados dos anos setenta do s. XX, como consecuencia da crise económica que se produciu a causa da alza do prezo do petróleo. Desta maneira, entre 1975 e 1985 debilitáronse os fluxos migratorios interprovinciais. Continúan, con menor intensidade, os movementos de poboación nova desde o medio rural ata as cidades, ao tempo que se inician os movementos de retorno de emigrantes en sentido oposto.
Coa recuperación económica de mediados dos anos oitenta do s. pasado, os fluxos reactívanse, aínda que sen alcanzar a intensidade dos tempos do éxodo rural nin os niveis doutros países europeos. Destaca un modelo migratorio novo, en que as migracións interprovinciais orixinadas por cambios no lugar de residencia, pero non necesariamente de emprego.
Na actualidade, a maior parte dos fluxos migratorios son de curta distancia e están ligados á expansión urbana. O crecemento das principais cidades desborda os termos municipais e trasládase aos municipios veciños. Ese cinto de municipios próximos ás grandes cidades é o que experimenta un maior crecemento demográfico, debido sobre todo á inmigración de poboación nova. Este proceso é posible a causa da confluencia dun conxunto de factores técnicos, económicos, culturais e ambientais.