Maquiavelo: Poder, Ética e Razón de Estado na Política
A Ciencia Política Segundo Maquiavelo
Esta perspectiva realista, o "aterse aos feitos", inaugura a ciencia política no sentido de que o poder político debe estudarse desde a súa especificidade e sen facelo depender de instancias externas (morais, relixiosas, filosóficas...). Maquiavelo era consciente de que estaba a propoñer unha perspectiva e un método novos para o estudo da política:
"E porque sei que moitos escribiron disto, temo -ó escribir agora eu- ser considerado presuntuoso, tanto máis canto que me aparto, sobre todo no tratamento do tema que agora nos ocupa, dos métodos seguidos polos demais. Pero sendo o meu propósito escribir algo útil para quen o lea, pareceume máis convinte ir directamente á verdade real da cousa que á representación imaxinaria da mesma" (O príncipe, XV).
Ética e Política
Xa apuntamos no tópico anterior que Maquiavelo separa totalmente o terreo da moral e a ética do da política.
As obras pertencentes ao xénero literario que denominamos "Espellos de Príncipes" aconsellaban aos príncipes que se comportasen cristiá e honestamente, que se adornasen con virtudes coma o honor, a xustiza ou a clemencia. A actuación política do príncipe facíase depender das súas cualidades morais.
O príncipe ao que se dirixe Maquiavelo só precisa de dúas cualidades: a virtude e a prudencia. Ambas, como veremos, carecen de carácter moral.
Virtude e Prudencia
A virtude de Maquiavelo non consiste no concepto moralizado do cristianismo, senón que é a capacidade do príncipe (ou do Estado) para manterse e facerse forte.
A prudencia é a sagacidade, a astucia, a intelixencia práctica do príncipe. A capacidade para decidir con acerto os medios que aseguren o éxito.
O príncipe, di Maquiavelo, debe ter o vigor (virtude) do león e a sagacidade (prudencia) da zorra.
A virtude e a prudencia relaciónanse co que Maquiavelo denomina Fortuna (a imprevisibilidade dos acontecementos). A virtude é a capacidade para facer fronte aos efectos adversos da fortuna, mentres que a prudencia é a capacidade de adaptarse oportunamente a ela.
En calquera caso, a semántica moral dos conceptos de virtude e de fortuna desaparece ao mesmo tempo que as consideracións morais se esvaen do ámbito da política.
A Natureza Humana
A concepción que Maquiavelo ten do home adáptase tamén a este punto de vista. Para Maquiavelo non podemos facer depender a acción política da bondade natural do ser humano. E isto por unha boa razón: o ser humano é esencialmente malo. Deste xeito, cando definamos cal debe ser o mellor modo de actuar en política, debemos facelo baixo o suposto de que os seres humanos, se poden, se comportarán mal.
O ser humano, por tanto, non se define polas súas virtudes morais, senón que o fai, en negativo, pola súa ausencia. O gobernante non se debe facer ilusións sobre os seus súbditos.
"É necesario que quen dispón unha república e ordena as súas leis presupoña que todos os homes son malos e que poñerán en práctica as súas ideas perversas sempre que se lles presente ocasión de facelo" (O Príncipe).
Relixión e Política
¿Que postura adopta Maquiavelo acerca da relixión neste contexto de ideas? A Maquiavelo só lle interesa a relixión desde o punto de vista dos seus efectos políticos. Interésalle como feito social, como factor de cohesión social e como instrumento político.
Non se interesa polos seus contidos doutrinais e crenzas, polos seus aspectos morais.
Nas súas obras realiza unha crítica á actuación histórica do papado como politicamente desastrosa. Considera que esta é responsable da desunión de Italia, da súa debilidade. O cristianismo, ademais, ao propoñer un modelo vital contemplativo, vai contra a virtude (entendida como vitalidade política) dos pobos.
"Cando a nosa relixión che pide un acto de fortaleza quere dicir que sexas capaz de soportar, non de facer un acto de forza" (Discursos).
Maquiavelo realiza unha exaltación, moi propia do humanismo, do poder e da dignidade do ser humano a través da acción.
Razón de Estado
Nas tradicións políticas anteriores, a moral apuntaba o fin da práctica política.
Pero, se a moral non ten ningunha función na política, ¿cal é o fin que esta persegue? ¿Cales son os criterios últimos na actuación política?
O fin é, en Maquiavelo, a Razón de Estado.
O Estado é concibido coma un organismo autónomo que ten os seus propios fins, e estes son, sobre todo, a súa conservación e estabilidade e a súa prosperidade baseada no expansionismo. (O escenario político italiano é un escenario de loitas imperialistas constantes entre os pequenos estados que, en moitos casos, basean a súa posible supervivencia na súa capacidade para expansionarse e facerse así máis poderosos).
Maquiavelo non emprega nunca a expresión "Razón de Estado". Fala de "ben do Estado", "ben da patria", "ben común" para referirse ao que hoxe denominariamos como Razón de Estado. Por outra banda, cando Maquiavelo fala de Estado, non se está a referir ao conglomerado xurídico-político que hoxe entendemos como tal, senón ao ámbito de poder propio da súa época.
Para Maquiavelo, cando a continuidade do Estado está en xogo, o príncipe debe estar sempre disposto a obrar mal. É dicir: o político competente é o que adopta a razón que o Estado demanda, adoptando os medios que se adaptan a ese fin, sen valoralos por si mesmos, sen consideracións morais.
A expresión "A fin xustifica os medios" expresa esta idea.
"Trate pois un príncipe de conservar o seu Estado e os medios sempre serán xulgados honrosos e ensalzados por todos" (O Príncipe).
O interese do príncipe debe pois identificarse co interese do Estado. Toda a acción política do príncipe debe dirixirse ao mantemento do Estado. Lembremos que, de tódolos xeitos, o mellor modo de ter un Estado estable e poderoso non é a actuación despótica, senón o intento de actuar baixo o modelo ideal da república.