Lingua Galega: Normalización e Desafíos Actuais

Lingua e literatura4,35 KB

TEMA III: LINGUAS MINORIZADAS E LINGUAS MINORITARIAS. O GALEGO: LINGUA EN VÍAS DE NORMALIZACIÓN

• Moitos galegofalantes utilizan habitualmente o galego, pero non o len con cultura ou non saben ler; moitos menos son capaces de escribilo. Esta situación non se debe ao analfabetismo, pois moitos deses galegos len e escriben en castelán.
Tanto literaria como administrativa.
Tradicionalmente, os sociolingüistas distinguen as linguas minoritarias, as que teñen poucos falantes, das linguas minorizadas, as que non poden exercer as funcións institucionais altas, porque as desenvolven outras linguas máis fortes. Unha lingua minoritaria non ten por que estar minorizada: o islandés ten arredor de 320.000 falantes e é oficial en Islandia, onde se usa en todas as funcións; o galego ten tres millóns de falantes e non é empregado con normalidade en moitas funcións. Varios feitos demostran que o galego é unha lingua minorizada:
  • Os galegos están obrigados a coñecer o castelán, pero non o galego. Isto demostra que as dúas linguas non son legalmente iguais.
  • A lingua falada pola maioría dos galegos non se emprega de xeito maioritario no ensino superior, no culto relixioso, nos cinemas, nos medios de comunicación.
  • Os libros ou revistas en galego véndense menos ca os escritos en castelán; isto non está causado por problemas de calidade literaria ou informativa, senón que vai unido á falta de costume ou capacidade de ler en galego.
  • A maioría da publicidade está en castelán, a pesar de que en Galicia a maior parte dos consumidores fala galego habitualmente.
A minorización do galego é causa da historia de Galicia. Ao instalarse o centro político en Castela, o castelán consolidouse como lingua do Estado e dos poderes sociais. Isto fixo do castelán unha lingua forte (pois acadou prestixio político, social e cultural) e provocou a minorización das outras variedades lingüísticas do reino. O Estado fixo do castelán a única lingua oficial, válida ela soa para relacionarse coa Administración, para o ensino, etc. Os altos funcionarios do Estado e da Administración que actuaban en Galicia viñan de calquera dos territorios que formaban a Monarquía Hispánica. Na súa maioría, viñan falando castelán, lingua que empregaban ao relacionarse cos demais e nos seus actos oficiais e xurídicos. Isto supuxo que as clases dominantes pasasen a falar castelán e que o galego deixase de usarse na lingua escrita.
Coas reivindicacións galeguistas do século XIX e co cultivo literario do galego, comezou o proceso de normalización lingüística que alcanzou o rango de política institucional coa aprobación do Estatuto de Autonomía.
De feito, a chegada da democracia, a Constitución e o Estatuto de Autonomía permitiron que por fin se puidesen tomar medidas institucionais conducentes á normalización lingüística do galego. Os pasos máis importantes foron:
  • A cooficialidade do galego, que levou a que o galego fose utilizado polas institucións políticas oficiais.
  • A introdución do galego no ensino como obxecto de estudo e como lingua vehicular, permitindo que os galegofalantes aprendan a escribilo e lelo e que os castelanfalantes poidan aprendelo.
  • A creación da RTVG, coa aparición dunha emisora de radio e unha canle de televisión que empregan maioritariamente o galego.
  • A creación dunha variedade estándar.
  • A producción de campañas institucionais que fomentan o uso do galego e tentan convencer os seus falantes de que non abandonen a súa lingua.
  • A promoción da vida cultural en galego a través de políticas culturais que fomentan a presenza do galego no teatro, na literatura, na música, etc.
É cedo para comprobar os resultados do proceso de normalización lingüística, pero parece que as taxas de substitución lingüística, que se aceleraran notablemente a partir dos anos sesenta do século XX e que supoñían o abandono da transmisión do galego de pais a fillos, comezan a reverter, de modo que cada vez máis galegofalantes transmiten a súa lingua aos seus fillos. Do mesmo xeito, a xente nova xa non se avergoña de falar galego, e mesmo existen persoas co castelán como lingua materna que dan o paso valente de comprometerse co galego e pasan a usalo como lingua habitual.

Descargar

PDF Word HTML