Lingua Galega: Minorización, Normalización e Futuro
Lingua Minorizada e Lingua Hexemónica
A lingua minorizada é aquela que está sometida a condicións sociais que restrinxen as súas funcións. A competencia desigual entre dúas linguas constitúe o factor básico desta situación. Dous aspectos a ter en conta:
- A non existencia dun estado que a recoñeza como oficial. En Europa cómpre facer excepción de Malta, Luxemburgo e a República de Irlanda.
- A non coincidencia de fronteiras políticas e fronteiras lingüísticas. As primeiras foron establecidas de maneira artificial, mentres que as lingüísticas responden a criterios de formación naturais e históricos; por iso é raro que estas delimitacións coincidan.
As linguas dominantes ou hexemónicas son as que gozan dun gran prestixio social determinado pola existencia dun poder político-económico que as potencia. Cantas máis funcións matrices cumpra unha lingua, maior prestixio social acada. O inglés é unha lingua hexemónica por excelencia.
As linguas minoritarias son aquelas que, independentemente da consideración social, posúen un escaso número de falantes. Ao concluírmos, os conceptos de lingua minoritaria e lingua minorizada non deben confundirse. O galego é unha lingua maioritaria entre a súa poboación, pero está minorizada. Acadou gran prestixio na Idade Media, pero competiu co castelán dende o século XV ata o XIX, cando se recupera a escrita, e no século XX, cando é recoñecida como lingua propia.
Normalización Lingüística do Galego
A normalización lingüística dunha lingua é un proceso que ten como obxectivo convertela en vehículo habitual e normal de comunicación entre os cidadáns dunha comunidade. Normalizar o galego consiste en que recupere a súa implantación en todos os ámbitos da vida e en todos os estamentos sociais; que cumpra a totalidade das funcións posibles no seu territorio. Para levar a cabo o proceso cómpre a intervención de diferentes sectores sociais: a acción institucional do poder político, a acción colectiva non institucional e a acción individual.
No ámbito público, a institución de rango superior é a Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente da Consellería de Educación. É a encargada de desenvolver as intervencións oficiais, a elaboración dun modelo estándar e a recuperación de ámbitos de uso do galego. No plano privado, xorden organizacións con esta mesma finalidade que superan o labor e os resultados conseguidos por organismos oficiais e públicos, como Escola Galega, etc. O proceso agora está nun momento decisivo. Na Idade Media dispuxo de máis armas: oficialidade, presenza no ensino. O perigo é a substitución por ausencia de transmisión. A cultura agraria e mariñeira mantivo a lingua. Se a dinámica non continúa, o galego converterase nunha lingua "ritual".