Liberalismo.Un novo sistema politico
As prácticas ditatoriais do xeneral Narváez e de González Bravo nos últimos gobernos moderados, estenderon a impopularidade do réxime, entregado ao servizo dunha oligarquía sen escrúpulos, e da raíña Isabel II, firme apoio do moderantismo. Así, no ano 1868, a revolución coñecida como Gloriosa ou Setembrina, protagonizada por todas as forzas opositoras a Isabel II, expulsou os Borbóns do trono de España e abriu a posibilidade de configurar un novo sistema político baseado nos principios do liberalismo democrático e nos intereses das clases medias.
O contexto no que se produce a revolución é de profundo malestar social provocado polas malas colleitas, as dificultades económicas na industria e nas finanzas e o descontento da maioría da sociedade cun sistema político pouco permeable á participación da cidadanía e nada sensible ás novas necesidades dun país que mudara respecto á primeira metade do século. Ese descontento uniu a todos os grupos políticos (Pacto de Ostende) baixo unha causa común: establecer un goberno provisional que asumise os principios do liberalismo democrático e que convocase eleccións para constituír unhas novas Cortes, coa finalidade de elixir un novo modelo de Estado e redactar unha nova constitución.
A Revolución Gloriosa iniciouse o 18 de setembro de 1868 en Cádiz cun pronunciamento das tropas da mariña do almirante Topete e protagonizadoo tamén por Serrano e Prim. Pouco despois, os sublevados venceron as tropas leais á raíña na batalla de Ponte de Alcolea (Córdoba). En paralelo a este clásico pronunciamento militar, xurdiron numerosas xuntas revolucionarias que reclamaban o sufraxio universal e a liberdade de prensa, ensino e asociación e a abolición dos impostos de consumo e da redención de quintas. Hai, pois, unha unión de pronunciamento e revolución social.
Tras o exilio de Isabel II a París (trala derrota das tropas borbónicas na batalla de Alcolea) e a formación de multitude de xuntas revolucionarias en diferentes cidades, formouse un Goberno provisional integrado por unionistas, progresistas e demócratas e presidido por Serrano.