A Industrialización en España (S. XIX): Sectores Clave e o Ferrocarril

Historia6,79 KB

Os Principais Sectores Industriais e o Papel do Ferrocarril (S. XIX)

O desenvolvemento industrial do s. XIX en España presentou fortes desequilibrios rexionais, convivindo zonas industrializadas e urbanizadas con outras atrasadas e rurais. Cataluña constituíu a principal zona industrial de España e tamén a máis diversificada.

O Sector Téxtil: O Despegue Industrial de Cataluña

O desenvolvemento catalán está asociado ao Sector Téxtil, que xa contaba con tradición na economía catalá. Así, no século XVIII iniciara o despegue coa fabricación de indianas. A esta tradición téxtil hai que engadirlle unha serie de factores que explican o seu despegue industrial:

  • Liberalización do sector industrial grazas á abolición dos gremios.
  • A constante renovación do sector pola introdución do algodón e a mecanización das tarefas tanto no fiado (introdución de tecnoloxía inglesa: fusos de fiar mecánicos –mule-jenny–) como no tecido (selfactinas).
  • O reinvestimento de capitais por parte da burguesía catalá e o proteccionismo do Estado aseguraron un gran crecemento industrial na rexión.

Foi a partir da década de 1830 cando se introduciron as máquinas de vapor para mover os teares (fábrica de Bonaplata de Barcelona en 1832), creándose as primeiras fábricas modernas nas comarcas de Barcelona e Manresa. A partir da década de 1870, coa intención de aforrar recursos enerxéticos e aproveitar a enerxía hidráulica, creáronse novas industrias téxtiles nas concas dos ríos Ter e Llobregat. Este desenvolvemento téxtil propiciou a diversidade industrial da rexión co crecemento doutros sectores, especialmente a metalurxia, xunto coa química, a papeleira, así como as relacionadas coa transformación de produtos agrarios.

O Nacemento do Sector Siderúrxico en España

O nacemento do Sector Siderúrxico estaba ligado á explotación de minas de ferro de Andalucía e o País Vasco, así como ás minas de carbón de Asturias e Serra Morena.

Andalucía e Asturias: Primeiros Intentos

A siderurxia andaluza foi a primeira en aparecer na década de 1830, pero como utilizaba carbón vexetal, a partir de 1860 resultou un fracaso debido aos elevados custos de produción e á competencia do norte. En Asturias instaláronse altos fornos en torno ás minas de A Felguera e Mieres, con continuidade ata o século XX, pero a escasa calidade do carbón e a dificultade de extracción do mesmo fixo que a actividade mineira e siderúrxica sobrevivise grazas ao proteccionismo do Estado.

O Auge da Siderurxia Vasca (a partir de 1880)

A siderurxia por excelencia foi a vasca, en especial a partir de 1880. A calidade e abundancia do ferro de Somorrostro, a dispoñibilidade de carbón de coque barato procedente de Gales e os capitais xerados pola exportación do mineral de ferro explican o seu auxe. A maior empresa do sector era Altos Hornos de Vizcaya, a primeira en utilizar o convertedor de Bessemer e o forno Martin-Siemens para fabricar aceiro. Este desenvolvemento industrial permitiu a aparición dunha potente industria química e metalúrxica de transformación, coa fabricación de todo tipo de máquinas e motores, destacando a construción naval.

O Panorama Industrial en Galicia

En Galicia o panorama industrializador foi pobre debido á competencia doutras zonas. O liño, como material téxtil, non resistiu a competencia do algodón e foi desaparecendo, mentres que a salgadura de pesca deu lugar a unha importante industria conserveira de peixe. Cabe destacar tamén a construción naval e o desenvolvemento da produción hidroeléctrica aproveitando a abundancia de cursos de auga.

O Papel do Ferrocarril na Configuración do Mercado Nacional

Mentres se producían estes primeiros procesos de industrialización foi fundamental a configuración dun mercado nacional. A lexislación liberal aboliu os obstáculos legais contrarios á liberdade de circulación e produción de bens (supresión de aranceis interiores, unificación de pesos e medidas...) e procurou a construción de mellores vías de comunicación para conseguir un mercado interior cada vez máis integrado. O ferrocarril foi o medio de transporte fundamental para conseguir un mercado interior integrado.

Introdución e Características do Ferrocarril Español

A introdución do ferrocarril en España, símbolo do progreso e modernización, foi tardía. O primeiro ferrocarril inglés dedicado ao transporte de viaxeiros funcionou en 1830; en España non o fixo ata 1848, nun pequeno tramo entre Barcelona e Mataró e, posteriormente, en 1851 creouse a liña Madrid-Aranxuez. Estudos técnicos aconsellaron un ancho de vía maior ca o europeo (ancho ibérico), dado que polas características do relevo se necesitarían locomotoras máis anchas e potentes; esta decisión ocasionou un grave problema á hora de conectalo cos trazados europeos, esixindo transbordos na fronteira.

A Lei Xeral de Ferrocarrís de 1855 e o Impulso Construtivo

O gran impulso chegou coa Lei Xeral de Ferrocarrís de 1855, que establecía que a construción e explotación das liñas podía ser realizada polo Goberno ou por compañías privadas, permitindo a introdución de capital estranxeiro. O Estado concedía a explotación das liñas a particulares por 99 anos e, ademais, ofrecía subvencións que garantían ás empresas unha rendibilidade mínima e a posibilidade de importar maquinaria e materiais sen aranceis.

Entre 1855 e 1865 houbo unha gran euforia construtiva, creando un trazado radial desde Madrid ata os puntos extremos da periferia para as liñas de primeira orde. Sen embargo, ante a escasa demanda pola falta de conexións entre as rexións industrializadas, o sector entrou en crise a partir de 1866, paralizando a construción ata a nova Lei de ferrocarrís de 1877, coa que se pretendeu completar a rede radial con liñas transversais de vía estreita, que circulaban sobre todo na cornixa cantábrica e Valencia.

O Papel do Ferrocarril: Controversia Historiográfica

O papel do ferrocarril no desenvolvemento económico de España é obxecto de controversia entre os historiadores. Para uns foi considerable pois, nun país con graves dificultades orográficas, permitiu a comunicación interior e facilitou o transporte de mercadorías. Para outros, os efectos foron inferiores aos que se podían esperar debido á mala política estatal que permitiu a importación de material ferroviario, con grave prexuízo para o desenvolvemento do sector siderúrxico español. Cabe engadir que a rede obedeceu a criterios políticos do Estado liberal (rede radial) e a criterios económicos para facilitar a explotación dos recursos mineiros cara o estranxeiro.

Descargar

PDF Word HTML