Industria española: desafíos, consecuencias e globalización
Situación actual da industria española
España é un país integrado no conxunto dos países industriais do mundo. Pero o desenvolvemento da actividade industrial non acadou un nivel notable ata a segunda metade do século XX. A industria española despois da súa entrada na Unión Europea viviu un proceso de modernización produtiva. A mediados dos noventa a industria española convertérase no sector de actividade máis produtivo. A industria tivo un bo ritmo de crecemento de vendas, produción e demanda aínda que vai perdendo importancia. En 2007 xorde a crise financeira en Estados Unidos e aféctalle a economía mundial.
Os desafíos da industria española
- Existe un escaso número de grandes empresas, xa que dominan as pequenas e medianas empresas, que teñen a vantaxe de adaptarse mellor ás demandas do mercado e presentar menos conflictos laborais.
- A produtividade industrial é inferior á da Unión Europea, feito que incrementa o custo laboral.
- O nivel de intensidade tecnolóxica é baixo e a porcentaxe de investimento en I+D é insuficiente. Isto provoca unha balanza tecnolóxica deficitaria. É fundamental, polo tanto, dedicarlle unha porcentaxe máis elevada do PIB a I+D e fomentar a mellora do sistema educativo e a formación técnica laboral.
Consecuencias da incorporación de novos Estados á UE
A incorporación de novos países á UE afecta a industria española porque estes países gozan dunha maior proximidade ao grande eixe industrial europeo que constitúen os países nórdicos. Así mesmo o investimento do capital estranxeiro permitiulles a implantación de empresas de alta tecnoloxía. Un dos sectores da industria española máis afectados é o dos automóbiles. España debería orientar o seu tecido industrial a unha maior calidade e produtividade para lle facer fronte á competencia dos novos países da UE que tenden a desprazar a España do seu segmento do mercado exportador.
Os espazos industriais españois nun mundo global
O actual tecido industrial español estase a incorporar á globalización económica. Esta rede caracterízase pola concentración de capital e de decisión en poucas empresas multinacionais moi poderosas. Isto explica que, malia ser unha potencia industrial, non teña un papel relevante na economía mundial.
Globalización e deslocalización
Nunha economía globalizada as empresas buscan a competitividade para aumentar a súa conta de mercado. Por esta razón trasládanse ao Leste de Europa, China… A localización dos establecementos industriais flexibilizouse de maneira que a empresa pode deslocalizar parte do proceso produtivo. Este é o caso dalgunhas fábricas téxtiles españolas que desprazaron ao Norte de África os procesos que esixen unha considerable man de obra, mentres que o deseño dos tecidos se fai en España. As consecuencias das deslocalizacións son o aumento da taxa de paro e a perda de emprego do sector secundario.
O proceso de industrialización de Galicia
En 1955 preto do 70% da poboación galega aínda se dedicaba ás actividades agrícolas. O proceso industrializador estivo marcado por un evidente atraso debido á falta de iniciativas locais e á deficiente organización do sector primario. Ata as décadas centrais do século XX, as únicas actividades fabrís, limitadas case exclusivamente ao sector naval e ás conserveiras, foran desenvolvidas grazas a investimentos exteriores. En definitiva, as grandes empresas localizadas en Galicia contan con capital eminentemente foráneo e están máis vinculadas á industria española ou europea no seu conxunto que á do resto da comunidade autónoma.
Estrutura e principais áreas industrias galegas
Na actualidade, o sector secundario ocupa en torno ao 29% da poboación activa galega. Non obstante, algúns dos subsectores empresariais localizados en Galicia supoñen un gran custo ambiental. Tal é o caso da celulosa de Pontevedra ou a refinería da Coruña. As empresas industriais galegas caracterízanse polo seu pequeño tamaño, o que as fai pouco competitivas. Os principais subsectores industriais localízanse ao longo do Corredor Atlántico, cunha rede empresarial consolidada:
- A construción naval localízase fundamentalmente nas cidades de Ferrol (Navantia) e Vigo (Barreras).
- A industria automobilística concéntrase fundamentalmente en Vigo e a súa comarca arredor de Citroën Hispania.
- O sector alimentario. Destacan as industrias de conserva de peixe nas Rías Baixas, os conxelados de produtos do mar (Pescanova), o sector lácteo e o das augas minerais e o grupo Coren.
- O ramo da madeira está composto por industrias de primeira transformación, representadas por empresas de gran tamaño presentes nos mercados internacionais (Finsa).
- A industria téxtil e da confección adquiriu un enorme desenvolvemento desde os anos oitenta do século pasado, cunha cobertura empresarial de alto nivel tecnolóxico e moitos pequenos centros de produción nas catro provincias (Inditex).