A Ilustración Kantiana: Razón, Liberdade e Progreso
A Idea Kantiana de Ilustración (Texto 1)
O pensamento de Kant representa a culminación da filosofía do século XVIII. Na súa obra, conflúen todos os temas que interesan á Ilustración, entre os que destacan a razón e a liberdade.
O Concepto Kantiano da Razón Ilustrada
Kant ocúpase de xeito fundamental da razón: as súas obras máis importantes son investigacións sobre a razón, do novo concepto da razón ilustrada:
- Unha razón crítica, que fronte ao dogmatismo racionalista que lle confería un poder ilimitado, analiza as posibilidades e límites do noso coñecemento, situados na experiencia, coa conseguinte crítica da metafísica (que trata obxectos máis alá da experiencia); unha razón crítica coa tradición, chea de erros e supersticións.
- Unha razón empírica, coa orixe do coñecemento na experiencia.
- Unha razón autónoma, liberada de toda autoridade, sobre todo relixiosa, pero tamén filosófica.
A Autonomía e o Proxecto Ético-Político
Para Kant, só necesitamos a razón e a liberdade, así como a valentía, para deixar atrás a “minoría de idade”, e lograr unha autonomía integral. Desde a reivindicación da razón e a liberdade ábrese un proxecto ético-político da mellora da humanidade.
Ilustración, Historia e Progreso
Kant amosa unha relación dialéctica entre Ilustración e Historia: a Ilustración é parte da Historia e, doutra banda, a Historia debe ser entendida como mellora e progreso da Ilustración.
Cabe destacar que este optimismo descansa sobre dúas bases: a crenza na idea do progreso e a afirmación da posibilidade do coñecemento obxectivo: a ciencia. Así, liberar o ser humano é posible por sermos capaces de descubrir as leis que rexen o mundo. E este coñecemento teórico (que responde á cuestión: Que podo saber?) debe ir acompañado dun coñecemento práctico (Que debo facer?) e aínda dunha cuestión teórico-práctica: Que me cabe esperar?, coa que Kant trata de afondar naquelas facetas do ser humano que determinan o seu sentido da vida e do universo.
Todas estas cuestións resúmense na fundamental para Kant: Que é o ser humano?
Vemos que todo o proxecto kantiano ten como instrumento a razón, e nela tamén descansan o seu antimilitarismo, a súa defensa da Revolución Francesa e o seu cosmopolitismo.