A Ilustración en España: Limitacións, Inquisición e o Nacemento do Liberalismo

Historia3,06 KB

As limitacións e os atrancos do Proxecto Ilustrado

Os gobernos ilustrados atopáronse con multitude de dificultades, que proviñan tanto da miseria e da ignorancia das masas populares como da oposición da meirande parte da nobreza e dos eclesiásticos, grupos que estaban satisfeitos coa tradición e a sociedade vixente. A pesar da modernización das súas propostas e de que nunca pretenderon alterar as bases políticas e sociais, os partidarios das reformas tiveron serias dificultades para levar a cabo os seus proxectos, provocando conflitos e problemas, entre os que destacan:

  • A vixilancia da Inquisición e o proceso de Olavide.
  • A lentitude das reformas e a radicalización ideolóxica.

1. A vixilancia da Inquisición e o proceso de Olavide

Aínda que sometida á autoridade de Carlos III, a Inquisición mantivo unha atenta vixilancia sobre as novas ideas ilustradas, de modo que se converteu nun freo das reformas máis avanzadas. Non obstante, non logrou impedir que clandestinamente se estendesen as ideas máis radicais. Esta vixilancia incluía:

  • Censura de libros e escritos.
  • Vixilancia da conduta e o pensamento dos individuos.

O proceso de Pablo de Olavide

Foron numerosos os ilustrados que tiveron tropezos cos tribunais inquisitoriais. O proceso máis destacado foi o de Pablo de Olavide, intendente en Andalucía. Olavide era crítico coas reformas señoriais de tenencia da terra, estaba preocupado polos problemas do campesiñado andaluz e foi responsable da creación de novas colonias agrícolas en Serra Morena e Andalucía.

Foi denunciado polos eclesiásticos á Inquisición acusado de desafecto á relixión. Foi condenado polas súas ideas avanzadas en 1778 a oito anos de reclusión nun mosteiro e á confiscación dos seus bens (un ano despois fuxiu a Francia).

2. Lentitude das reformas e radicalización ideolóxica

Os atrancos dos poderosos ás reformas foi abrindo paso, a partir de finais da década de 1780, a novas ideas, de momento minoritarias, que propugnaban a transformación radical do sistema.

O nacemento do liberalismo

Progresivamente, os reformistas radicais defenderon un novo concepto do poder, do goberno e da sociedade. Estas ideas conforman os trazos característicos do incipiente liberalismo español:

  • Limitación do poder real.
  • Rexeitamento da soberanía de orixe divina.
  • Separación de poderes.
  • Abolición dos privilexios estamentais.
  • Defensa dos dereitos individuais, da liberdade e da igualdade legal e de méritos.
  • Participación popular no goberno e proclamación dunha Constitución.

O pensamento conservador e reaccionario

Paralelamente, entre os inimigos das reformas (alta nobreza, xerarquía eclesiástica) foi xurdindo un pensamento conservador e reaccionario contrario a todo tipo de cambio e innovación.

Descargar

PDF Word HTML