A Ilustración en España e Galicia: Ideas e Reformas
A Ilustración foi un movemento cultural e ideolóxico característico da Europa do século XVIII que defendía tanto a capacidade da razón humana para descubrir a verdade e as leis da natureza, como a necesidade de propoñer e realizar reformas co obxectivo de incrementar o benestar material do país, mellorar a sociedade e alcanzar a felicidade persoal.
Etapas da Ilustración en España e Galicia
Tanto en España como en Galicia, as novas ideas da Ilustración tiveron un desenvolvemento tardío. Na súa concreción pódense distinguir dúas etapas:
- Primeira etapa (reinados de Filipe V e de Fernando VI): Denominada de protoilustración, estivo encabezada polos chamados proxectistas (por elaborar proxectos para o goberno) e os anovadores ou novatores (por querer innovar no pensamento e na ciencia). Entre eles destacaron Feixoo e Mayáns.
- Segunda etapa (reinado de Carlos III): Plenamente ilustrada e de apoxeo, nela destacaron os ilustrados Campomanes, Floridablanca, Olavide, etc. En Galicia cómpre destacar a Xosé Cornide.
Características do Pensamento Ilustrado
Estas ideas ilustradas foron aceptadas e promovidas por unha minoría culta formada por nobres, clérigos, oficiais da Administración e burgueses que tiveron unha enorme influencia política. En liñas xerais, o seu pensamento e as súas propostas caracterizáronse pola moderación reformista, tentando compaxinar a crítica e a renovación co pragmatismo e o mantemento da orde sociopolítica establecida. Só uns poucos foron evolucionando cara a posicións máis radicais preliberais.
En síntese, o seu pensamento caracterizouse por:
- A crítica á realidade vixente, á ignorancia e á falta de cultura, ao atraso técnico e económico, aos prexuízos sociais e aos abusos dos poderosos.
- O fomento da educación e da renovación científica para superar o atraso existente e modernizar España. Estes ideais concretaríanse na fundación de escolas técnicas e na creación das Academias.
- O predominio das preocupacións económicas, tentando fomentar e mellorar, con numerosos proxectos e reformas, todos os sectores produtivos co obxectivo de incrementar a riqueza do reino e o benestar e a felicidade da poboación.
Sociedades Económicas de Amigos do País
Co propósito de contribuír á difusión dos avances científicos e técnicos e de potenciar a economía dunha determinada zona ou rexión, creáronse as Sociedades Económicas de Amigos do País. En Galicia destacou o Real Consulado da Coruña.