Historia e Normativización da Lingua Galega no Século XX
Durante o século XX avanza a recuperación cultural iniciada no XIX e o galego comeza a usarse en ámbitos dos que desaparecera ou nunca estivera presente (narrativa, ensaio, discurso político, correspondencia privada...) ata chegar ao recoñecemento oficial na democracia, pero á vez descende preocupantemente o seu uso como medio de comunicación social. Se nos centramos no primeiro terzo deste século, hai que destacar a creación das Irmandades da Fala no ano 1916, ligadas ao nacemento do nacionalismo, e que teñen como finalidade a utilización exclusiva do galego en todo tipo de actos e escritos, así como impulsar a narrativa (sobre todo breve) e o teatro. A Xeración Nós estende o uso do galego a todos os xéneros literarios e será a responsábel da revista Nós, escrita integramente en galego. No 1923 constitúese o Seminario de Estudos Galegos, formado por universitarios que investigan Galicia desde diferentes campos: histórico, social, político... A última institución importante da época é o Partido Galeguista, no que militarán durante a II República personalidades como Castelao ou Bóveda, quen redactará un Estatuto de Galicia, no que se inclúe -entre outras cousas- o ensino do galego e en galego; aprobado en xuño de 1936 non poderá entrar en vigor ao iniciarse a guerra civil poucos días despois, pero propiciará a consideración de Galicia como nacionalidade histórica (xunto con Cataluña e Euskadi) ao instaurarse a democracia. Outras iniciativas son as editoriais Lar, Nós ou diferentes estudos lingüísticos.
O Declive do Uso Social do Galego
Fronte a esta emerxente situación cultural, o seu uso como vehículo de comunicación segue o camiño oposto: continúa a ser moi maioritaria no país (lingua única de aproximadamente o 90% da poboación, as clases baixas galegas), acelérase o proceso de substitución polo castelán, que avanza como lingua de relación habitual, mentres o número de falantes monolingües en galego vai descendendo. Causas: o aumento da urbanización, a aparición da radio e o maior índice de alfabetización, realizada exclusivamente en castelán.
O Galego Enxebrista ou Diferencialista
Na lingua utilizada na escrita, non existe un modelo único, continúan os intentos de crear unha norma (publícanse algúns dicionarios e gramáticas). Coñecemos este período como galego enxebrista ou diferencialista, porque a intención dos escritores é marcar a diferenza co castelán, deixar patente que son dúas linguas independentes, para o cal elixen o portugués como modelo, e se esforzan por limpar a lingua de castelanismos, utilizando arcaísmos, lusismos, hipergaleguismos ou pseudoevolucións.
A Normativización Lingüística
Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade, especialmente no plano oral. A existencia dunha variedade estándar -a que se usa nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas- contribúe a frear esa dispersión. A construción da variedade estándar é o que se coñece co nome de normativización lingüística: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos a imitar. A maioría das linguas románicas fixeron este labor durante a Idade Media, cando o galego comezara xa a sufrir o proceso de minorización, polo que a nosa lingua non emprendeu esa tarefa -imprescindíbel para a súa normalización social- ata o s. XIX, cos autores do Rexurdimento.
Etapas do Proceso de Normativización
Neste proceso de normativización podemos sinalar catro etapas:
- Galego popularizante (fins do s. XIX). Non existe unha intención normativizadora (Pondal foi o único autor consciente da súa necesidade), utilizan o galego oral no seu rexistro popular (o que se conservara), cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
- Galego enxebrizante (1936). Os autores comezan a sentir a necesidade dunha norma escrita e inclinaranse por un modelo diferencialista, que marque distancias co castelán. As características máis salientábeis son:
- Busca dun galego supradialectal.
- Eliminación de castelanismos.
- O portugués é o seu modelo de lingua culta.
- Galego protoestándar (70). Medra a conciencia da necesidade dun modelo culto que apoie a normalización do galego. Caracterízase sobre todo pola simplificación ortográfica (eliminación de apóstrofos, guións, acentos graves e cincunflexos).
- Galego estándar (actualidade). O mellor coñecemento lingüístico (grazas ás investigacións e estudos universitarios) axuda a atopar solucións apropiadas para as interferencias e desviacións que aparecían nas etapas anteriores.
Interferencias e Desviacións
As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico e que afectan maioritariamente á lingua máis débil. Aparecen en todos os planos da lingua. Algúns exemplos:
- No plano fónico: Redución do sistema vocálico de 7 vogais a 5, eliminando a oposición entre semiabertas e semipechadas.
- No plano morfolóxico: cambio de xénero de determinados substantivos (*o ponte, *a sangue), seguindo a norma castelá, confusión dos pronomes TE/CHE, uso de tempos verbais compostos.
- No plano sintáctico: incorrecta colocación dos pronomes átonos.
- No plano léxico é onde máis abundan e responden a diferentes motivacións: prevalencia da palabra coincidente co castelán (comprar por mercar), restrición do significado, adoptando a palabra castelá para a realidade de maior prestixio (billa / *grifo), substitución da forma galega pola castelá (*arcilla por arxila, *tenedor por garfo...)
Chamámoslle desviacións a aquelas voces que non se axustan á normativa, ben porque non pertencen ao nivel culto (vulgarismos, dialectalismos), ben por non seren palabras de uso actual (arcaísmos), ben por seren inventos motivados indirectamente pola presión do castelán (hipergaleguismos).