Guía de Financiamento Alleo e Mercado de Valores
Financiamento alleo
- Crédito comercial de acredores, provedores e outras partidas pendentes de pagamento: Tamén financian a empresa. Non teñen un custo directo, pero si hai un custo de oportunidade nos descontos que a empresa deixa de obter ao diferir o pago.
- Desconto de letras ou desconto comercial: Operación pola que un banco adianta o importe dunha letra de cambio antes do vencemento, cobrando uns xuros. Importe a cobrar do banco = Importe da letra – xuros polo tempo adiantado. O risco de non pagamento dos efectos ao seu vencemento segue sendo a cargo da empresa.
- Factoring: Operación pola que unha empresa cede facturas ou dereitos de cobro (letras de cambio, recibos, pagarés, ...) á empresa de factoring (ou factor). O risco de non pagamento pode correr a cargo da empresa factoring.
- Préstamos: Operación pola que unha entidade financeira (bancaria ou non) entrega unha cantidade de diñeiro á empresa, que deberá devolvela xunto cuns xuros, nuns prazos estipulados. Poden ser a curto ou a longo prazo.
- Créditos: Operación pola que unha entidade financeira pon a disposición dunha empresa unha cantidade de diñeiro ata un límite. A empresa pode utilizala toda ou en parte. Só ten que pagar xuros pola parte disposta, non por todo o límite.
- Leasing: É un contrato de arrendamento dun ben que inclúe unha opción a comprar o ben ao final do contrato. A empresa pode exercer a opción e comprar o ben ou non.
- Renting: É un contrato de aluguer. Non hai a posibilidade de comprar o ben alugado.
- Empréstitos: As sociedades anónimas poden emitir obrigas ou bonos. Un empréstito non é máis que un préstamo dividido en pequenas partes que podemos adquirir os particulares. Teñen un vencemento e uns xuros que debe pagar a empresa emisora. Ao igual que as accións, as obrigacións ou os bonos son títulos valores e poden cotizar nos mercados de valores como a Bolsa.
O mercado de valores
É aquel mercado que pon en conexión aos aforradores, que ofrecen o seu diñeiro, e aos investidores, que son aquelas empresas que necesitan dos anteriores recursos para realizar os seus investimentos. As empresas necesitadas de financiamento poden acudir ao mercado de valores e solicitar (en forma de ampliacións de capital, emisións de obrigas, etc.) financiamento das persoas que teñen un exceso de recursos.