Guía Completa de Conceptos Sociolingüísticos do Galego
Guía Completa de Conceptos Sociolingüísticos do Galego
Alternancia de Código
Uso de dous idiomas nun mesmo discurso, enunciado ou frase por parte dun mesmo falante.
Ámbitos de Uso da Lingua
Os ámbitos de uso dunha lingua poden ser públicos ou privados. Algúns dos máis relevantes para a normalización do galego son:
- O galego no ámbito laboral e empresarial
- Ámbito institucional
- Ámbito educativo
- Ámbito dos medios de comunicación:
- A prensa
- Medios audiovisuais
- Na rede
- Música
- Cine, teatro e audiovisual
- Banda deseñada
- Asociacionismo cultural
Axentes de Transmisión Lingüística
Aqueles que transmiten o galego como lingua inicial (a familia) e, máis tarde, como lingua habitual (a escola, os medios de comunicación, as redes sociais, a cultura, o cine, a música...).
Bilingüismo Individual
Capacidade dun individuo para desenvolverse en dúas linguas cunha competencia lingüística equilibrada (ler, escribir, falar e comprender) e facer un uso neutro, non marcado, non diglósico de ambas as linguas.
Conflito Lingüístico
Tensión que se produce entre dúas linguas dentro da mesma sociedade por asumir un maior número de funcións sociais e de falantes.
Nas sociedades inmersas en situación de conflito lingüístico, o idioma constitúe un indicador simbólico da posición social: lingua dominante fronte a lingua subordinada.
Diglosia
Contacto estable entre dúas linguas que teñen unha distribución xerárquica das funcións sociais: LINGUA A, de usos formais e prestixiados; LINGUA B, de usos informais e menos prestixiados.
A diglosia prodúcese nunha sociedade na que existen individuos que empregan dous idiomas: un propio, adquirido a través da transmisión lingüística da súa comunidade, e outro pertencente a un grupo lingüístico diferente.
Diglosia Invertida
Na actualidade, aparece a diglosia cun reparto dos usos formais e informais invertidos, é dicir, utilízase o galego en determinados contextos formalizados, mentres nos usos informais se emprega o castelán. É o caso de moitos políticos, funcionarios, traballadores dos medios de comunicación (radio e televisión) que usan o galego nas súas intervencións públicas, actos formais ou na lingua escrita, e o castelán na vida cotiá.
Estandarización
Proceso a través do cal se vai conformando a variedade estándar da lingua. Os lingüistas e filólogos fixan, a través da gramática, das normas ortográficas e morfolóxicas e do léxico, o que se admite e o que se considera unha desviación da norma ou unha interferencia lingüística que se debe desbotar desta variedade común coñecida por todos os usuarios.
Funcións Sociais da Lingua
A función básica das linguas é ser vehículo de comunicación entre os membros dunha sociedade. Esta función xeral concrétase nunha serie de funcións que as linguas desempeñan nos distintos ámbitos e niveis da sociedade:
- Función familiar: é a que desempeña como elemento de relación entre os membros da familia. A familia é a máis importante transmisora da lingua primaria.
- Función laboral: a que se desenvolve no ámbito do traballo.
- Función local: a que realiza a lingua nos contactos entre as persoas que comparten o mesmo contorno na vida cotiá.
- Función institucional: prodúcese nos contactos entre os individuos e as entidades administrativas, políticas, sociais e culturais da comunidade á que pertence.
- Función cultural: desenvólvese cando a comunidade humana que posúe unha lingua a utiliza para as súas expresións científicas, tecnolóxicas e artísticas.
- Función internacional: prodúcese cando unha lingua ten uso alén da súa comunidade de falantes.
Interferencia Lingüística
Préstamo dunha lingua que se introduce noutra para substituír un termo autóctono, e que non está aceptado dentro da normativa da lingua receptora. No caso, os castelanismos no galego.
Tipos de Lingua
Lingua Inicial
Aquela na que as persoas aprenden a falar. Nos datos de 2022 do INE sobre lingua inicial ponse de manifesto o aumento do castelán como lingua inicial e a importancia da ruptura da transmisión xeracional do galego: 1.023.000 falantes teñen como lingua inicial o castelán fronte aos 998.000 que teñen o galego.
Lingua Habitual
Aquela que empregan as persoas de forma maioritaria nas súas actividades cotiás ou nas relacións co seu círculo máis achegado. A lingua habitual vai cambiando co paso do tempo e presenta diferenzas en función da idade das persoas, o lugar onde residen e o seu uso social. A lingua inicial non ten por que coincidir coa habitual; a galeguización pode producirse posteriormente no ámbito educativo, laboral, sociocultural...
Lingua Internacional Auxiliar
Aquela que é aprendida amplamente por individuos que non a posúen como lingua nativa.
Lingua Hexemónica
Aquela que goza dun gran prestixio social, determinado pola existencia dun poder político-económico que a potencia.
Lingua Propia
Lingua falada por unha comunidade e que se desenvolveu historicamente nese espazo. Tamén se emprega este termo xurídico que alude, en distintos Estatutos de autonomía, a linguas que foron declaradas oficiais nunha determinada Comunidade Autónoma xunto co español. O galego é a lingua propia de Galicia (Artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia, 1981).
Lingua Minorizada
Aquela á que se lle negan as condicións para poder desenvolverse con plena normalidade dentro da súa propia comunidade. Atópase nunha situación de inferioridade ao ver restrinxidos os seus usos públicos (medios de comunicación, xustiza, vida comercial, publicidade, ensino, liturxia...) e mesmo privados.
Lingua Nacional
Lingua propia, autóctona creada por un pobo ao longo da súa historia.
Lingua Oficial
Refírese ao status de determinado idioma como instrumento de relación entre o estado e os seus cidadáns.
Lingua Estándar
Variedade superadora das variedades diafásicas, diastráticas e diatópicas; modelo patrón amplamente difundido entre os falantes dese idioma, usada nos ámbitos formais educativos e nos medios de comunicación tanto orais coma escritos.
Neofalante
Individuo que non ten o galego como lingua inicial, senón o castelán como lingua primaria, pero que se incorpora ao galego despois dun proceso de concienciación.
Normalización Lingüística
Proceso de recuperación dunha lingua que, sendo propia dunha comunidade, foi desprazada por outra foránea e viu restrinxidos os seus usos (laboral, científico, xurídico, eclesiástico...) e privados; ademais da recuperación de todas as funcións sociais da lingua (identidade, familiar, local...) dentro da súa propia comunidade.
Normativización
Proceso de elaboración e fixación dunha norma ortográfica, morfolóxica e léxica para unha lingua. Non se debe confundir con Normalización. No caso do galego, é relativamente recente: as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, 1982, revisadas no 2003.
Prexuízo Lingüístico
Valoración baseada en ideas erradas ou con descoñecemento do asunto que se xulga e ten como consecuencia actitudes e comportamentos negativos cara a unha lingua e cara aos seus falantes. Xorden por dúas perversións:
- Non recoñecer a existencia de excepcións.
- Crer que os atributos son inherentes e non circunstanciais.
Substitución Lingüística
Unha das dúas posibles saídas ante unha situación de conflito de linguas, xunto á súa antagónica, a normalización. Proceso que consiste no paulatino abandono da lingua propia da comunidade, o galego, e a asimilación á lingua dominante, o castelán.
Pasa por tres fases:
- Implantación dunha lingua foránea nun territorio cunha lingua propia.
- Reparto de usos diglósico entre a lingua propia e a lingua foránea, tendo esta última as funcións máis prestixiosas e importantes socialmente.
- Abandono paulatino do uso da lingua propia ata a completa asimilación á lingua vinda de fóra. Dous índices miden o progreso desta terceira fase: xeográfico (a lingua minorizada vai ficando nas zonas menos desenvolvidas) e xeracional (a lingua minorizada vai ficando relegada á xente de máis idade).
O galego na actualidade está vivindo simultaneamente procesos de normalización lingüística e substitución lingüística.
Transmisión Xeracional
O fenómeno máis preocupante que está a vivir o galego e o que máis sombras deita sobre o futuro: rapaces e rapazas que non a teñen como lingua inicial ou materna.