A Guerra Civil Rusa: Causas, Desenvolvemento e Consecuencias
A Guerra Civil Rusa
Os bolxeviques só controlaban unha ampla zona arredor de Petrogrado e Moscova. Os defensores do tsarismo, os sectores que apoiaban o goberno provisional e aspiraban a unha república parlamentaria, e os campesiños propietarios de terras iniciaron a resistencia armada co obxectivo de impedir a consolidación do Estado soviético. A eles sumáronselles algunhas potencias occidentais, que invadiron Rusia cos seus exércitos.
O exército tsarista, os rusos brancos, iniciaron unha guerra que se espallou durante tres anos. Os bolxeviques crearon o Exército Vermello, e o seu artífice foi Trotski. O novo exército revolucionario baseábase na disciplina e nos graos militares clásicos. O conflito bélico foi longo e custou moitas vidas, ademais de provocar fame en parte da poboación. Ante o medo de que o exército branco rescatase o tsar, Nicolao II e a súa familia foron executados polo exército vermello.
Nos primeiros meses, o Exército Branco obtivo algunhas vitorias, pero máis tarde os vermellos empezaron a dominar a situación. Isto débese á súa boa disciplina e eficacia militar. Tamén contribuíu a mala organización dos brancos e a retirada dos exércitos estranxeiros.
O Comunismo de Guerra
A contenda militar supuxo que todos os recursos se orientasen cara a un único obxectivo: aprovisionar o exército para gañar a guerra. O goberno soviético estableceu o "comunismo de guerra", que supuxo un control da economía polo estado e unha rixida vixilancia sobre a poboación. A produción de cereais foi controlada e os agricultores tiveron que entregarlle ao estado a maior parte da colleita. A disciplina laboral aumentou e limitáronse os dereitos sindicais, prohibíndose o dereito á folga. Un gran sector do campesiñado tivo que implantarse á forza.
O descenso da produción e os problemas derivados da guerra supuxeron enormes dificultades para toda a poboación, xa que as cidades quedaron sen a maioría de produtos básicos. A necesidade de crear un bloque compacto revolucionario capaz de se impor aos contrarrevolucionarios implicou o establecemento de fortes medidas represivas: reimplantouse a censura, prohibiuse a prensa opositora e interviñéronse os tribunais. Creouse unha policía, a Checa, que detiña e castigaba os defensores da vella orde e a aquel que criticaba o partido bolxevique.