Guerra Civil Española: Orixes e Repercusión Internacional

Historia4,06 KB

A Guerra Civil Española: Causas e Consecuencias

A Guerra Civil constituíu o feito máis salientable e tráxico da historia de España no século XX, onde se concentraron moitos dos problemas que a sociedade española contemporánea viña arrastrando desde o inicio das revolucións liberais do século XIX. O enfrontamento entre os grupos tradicionalmente dominantes en España e as clases populares chegou a un punto crítico durante a II República e culminou na Guerra Civil. Pero a guerra foi tamén o resultado das tensións xurdidas en Europa pola difícil conxuntura da década de 1930, logo do ascenso do fascismo en Italia e do nazismo en Alemaña. Por iso, o conflito español foi visto a nivel internacional como o primeiro enfrontamento entre o fascismo e a democracia.

A Sublevación Militar de 1936

O 17 de xullo de 1936, Yagüe, xefe da lexión, alzouse contra a República en Melilla e a rebelión estendeuse por todo o protectorado marroquí. Uníronse a maioría das gornicións militares españolas. O goberno republicano tardou en reaccionar, e en dous días os sublevados tomaran Pamplona, Sevilla, Castela a Vella e parte de Aragón.

O 19 de xullo, Casares Quiroga foi substituído por Giral, que entregou as armas ás milicias dos sindicatos e á Fronte Popular. Parte do exército e das forzas de seguridade mantivéronse fieis ao goberno, polo que foi posible sufocar o levantamento en boa parte do territorio.

Triunfo e Fracaso do Alzamento

O triunfo ou fracaso do alzamento estivo relacionado coas condicións sociais e políticas de cada rexión. Triunfou en case toda a España interior, en Galicia, na Andalucía do Guadalquivir e nas zonas de grandes propiedades agrarias ou pequenos propietarios conservadores. Fracasou nas zonas onde as forzas obreiras e de esquerda tiñan maior peso.

División de España e Bandos Enfrontados

Dado que o golpe non triunfara, o país dividiuse en dous bandos que se ían enfrontar nunha cruenta Guerra Civil.

  • O bando dos sublevados: Constituído polos opositores á República, apoiados e inspirados polo fascismo, definíanse como “nacionais” e católicos. Non había unanimidade sobre o que se ía facer logo do triunfo do golpe.
  • Os leais á República: Constituídos polas clases populares, influídos polos socialistas, comunistas e anarcosindicalistas, defendían a lexitimidade republicana.

Repercusión Internacional da Guerra Civil

A Guerra Civil tivo unha gran repercusión internacional. O estalido da guerra en España foi visto como unha confrontación entre as forzas democráticas e os réximes fascistas.

Esta guerra dividiu o mundo enteiro. A opinión democrática progresista mundial, a URSS e os partidos obreiros de todo o mundo estaban a prol da República, e as forzas conservadoras das democracias (Francia, Gran Bretaña), xunto cos fascistas (Alemaña, Italia), vían a Franco como un freo á expansión comunista.

A Axuda Internacional e o Comité de Non Intervención

Ambos os bandos pediron apoio ao exterior, pero os gobernantes das democracias (Francia e Gran Bretaña) foron extremadamente prudentes, polo medo a espallar o conflito. Gran Bretaña avisou a Francia que non a defendería se interviña en España e a atacaban os alemáns. Creouse o Comité de Non Intervención, ao que se adheriron 20 países, o que resultou nunha inxustiza para a República e foi unha das causas da súa derrota.

Este comité non impediu que os bandos tivesen axuda exterior. Deste xeito, Largo Caballero comprou armas á Unión Soviética. As Brigadas Internacionais prestaron grande apoio en tropas á República, na defensa de Madrid e nos diferentes campos de batalla.

Pero os sublevados foron máis favorecidos, co apoio de Italia e Alemaña en armas, e foron mellores tanto numérica como tacticamente. Alemaña levou a súa aviación, a Lexión Cóndor, e probou novas armas, e Italia enviou unha grande unidade, o Corpo Truppe Volontarie.

Descargar

PDF Word HTML