As Grandes Transformacións do Século XVIII e XIX: Liberalismo e Revolucións

Historia14,75 KB

O Liberalismo: Ideoloxía e Principios Básicos

O liberalismo é unha ideoloxía e unha práctica política e económica que defende a liberdade como principio básico de todas as actividades humanas, xurdida a finais do século XVIII.

Principios Xurídicos, Políticos e Económicos

O liberalismo defende os seguintes principios básicos:

  • O individuo como base onde se establecen as relacións políticas, económicas e sociais.
  • A existencia de dereitos e liberdades individuais.
  • A liberdade de mercado, empresa e traballo, sen a intervención do Estado.
  • A propiedade individual garantida e protexida pola lei.
  • A participación política dos cidadáns, podendo elixir o seu representante co dereito a voto.
  • A separación dos poderes, dividíndose en tres e desempeñando un diferente cada un: o executivo (o Goberno), o lexislativo (o Parlamento) e o xudicial (os Tribunais).
  • A existencia da Constitución.
  • O Estado de dereito e a primacía da lei sobre todas as institucións.

As Tendencias do Liberalismo no Século XIX

Debido ás diferenzas de opinións sobre determinados dereitos e liberdades, o liberalismo dividiuse en dúas tendencias que se levaron a cabo no século XIX. Ambas as dúas tendencias consideraban unicamente os homes con dereito a voto, excluindo as mulleres.

A Revolución Agraria e Industrial

Dende mediados do século XVIII, sucederon unha serie de cambios e innovacións técnicas e económicas, transformando radicalmente o mundo agrario e a produción de manufacturas. Este proceso comezou en Inglaterra, pero pouco despois estendeuse por todo o mundo.

A Revolución Agraria

  • Novos sistemas de cultivo: Eliminación do barbeito mediante a rotación de cultivos na mesma parcela (iniciada por Townshend en Norfolk), aumentando a produción de alimentos tanto para o consumo humano como para o gando (Sistema Norfolk).
  • Renovación técnica: A máquina de vapor foi introducida como forza motriz na agricultura (a partir de 1830), o que reduciu a man de obra campesiña.
  • Especialización agraria e incremento dos rendementos: A agricultura pasou de ser de autosuficiencia e policultivo a ser especializada e comercial.
  • Cambios no réxime de propiedade da terra: Segundo as novas leis, as terras comunais pasaron a ser propiedades privadas e individuais.
  • Cambio de mentalidade dos propietarios agrícolas: A terra pasou a ser fonte de beneficios que podían ser investidos.

A Primeira Revolución Industrial

Este suceso é o conxunto de transformacións técnicas, económicas e sociais que tiveron lugar no sistema de produción de mercadorías a partir de mediados do século XVIII, debido á substitución do traballo manual por maquinaria. O taller cambiouse por fábricas, e os artesáns pasaron a ser obreiros asalariados. As cidades e a industria dominaron sobre o rural.

Orixe e Características

Os primeiros cambios sucederón en Inglaterra a mediados do século XVIII e leváronse á práctica no resto do mundo ao longo do século XIX. A Primeira Revolución Industrial (aproximadamente 1760-1870) caracterízase por:

  • Invención de máquinas realizadas para unha función específica.
  • Emprego da enerxía do vapor como forza motriz, grazas á invención da máquina de vapor (James Watt, 1769), utilizando o carbón como materia prima calorífica.
  • Instalación de fábricas, que contaban con maquinaria e traballadores asalariados que realizaban tarefas específicas baixo un control directivo centralizado e un código de disciplina. Creouse así o factory system (sistema fabril), que substituía a manufactura e o sistema a domicilio.
  • Gran desenvolvemento da industria téxtil, da siderurxia, da metalurxia e do ferrocarril.

O Capitalismo e a Sociedade de Clases

Debido ás transformacións económicas, sociais e políticas que se produciron dende finais do século XVIII ata comezos do XIX, xurdiu o capitalismo como un novo modelo económico e as sociedades de clases, que modificaron as antigas sociedades estamentais.

O Capitalismo

É o sistema económico que xurdiu en Europa occidental a finais do século XVIII, froito das revolucións industriais. Sufriu varias transformacións, pero perdura ata o momento como o predominio da economía mundial. Os seus principios son:

  • O capital é o factor básico necesario para o investimento continuo, para a produción de bens e materiais e a obtención de beneficios.
  • A liberdade económica debe ser total: o mercado regúlase mediante a lei de oferta e demanda, que varía segundo as preferencias e gustos dos consumidores.
  • A propiedade privada, que está garantida e protexida pola lei.
  • A man de obra formada por asalariados, que venden a súa forza de traballo a cambio dun salario, cuxo prezo varía segundo as circunstancias do momento.
  • A división de tarefas no traballo, permitindo o aumento da produción.
  • O intento de conseguir o maior beneficio, xa que é o estimulante das actividades económicas.
  • A riqueza individual como criterio de organización social.
  • Desigualdade, dependencia e explotación das persoas que non posuían bens, que estaban sometidas aos capitalistas.
  • Actividades económicas suxeitas a crises con períodos de lento ou negativo crecemento, intercalados con rápido crecemento, provocando grandes períodos de recesión.

As Sociedades de Clases

A nova sociedade da época liberal e industrial organizouse en clases sociais, grupos diferenciados pola súa riqueza:

  • A igualdade xurídica de todos os seus membros.
  • A riqueza como criterio social, dando lugar ás clases sociais.
  • A desigualdade económica orixinada pola acumulación de bens e riqueza.
  • O dinamismo social, coa posibilidade de ascenso e descenso na escala social.
  • Protagonismo de novos grupos como a burguesía e o proletariado, e perda de importancia da nobreza e o clero.

A Burguesía: Clase Dominante

A burguesía foi a principal impulsora dos cambios e a que maiormente saíu beneficiada destas transformacións. Foi un grupo social dominante, manifestado en:

  • Dominio económico: Tiña gran parte dos capitais da industria, da agricultura, do comercio e das finanzas, e investía constantemente para a obtención de maiores beneficios. Controlaba o mercado e establecía os prezos.
  • Dominio político-ideolóxico: A lexislación establecida favorecía os intereses da burguesía, impoñendo a súa mentalidade e gustos debido ao control da cultura que tiñan.

Non era un grupo compacto, xa que se diferenciaba entre alta ou gran burguesía e baixa ou pequena burguesía.

O Nacemento do Proletariado

O proletariado estaba formado polos traballadores das fábricas e os xornaleiros do campo, que para poder vivir vendían a súa forza de traballo a cambio dun salario.

  • Non existía lexislación laboral.
  • A man de obra era moi abundante, e os patróns podían así establecer péximas condicións, o que lles outorgaba unha situación de inferioridade.
  • As xornadas de traballo en fábricas adoitaban ser moi longas, de 12 a 15 horas habituais.
  • Os salarios eran escasos, tendo que traballar toda a familia para poder subsistir.
  • As condicións de traballo, hixiene e seguridade eran pésimas, o que provocaba accidentes e mortes de forma frecuente.
  • Os códigos de disciplina eran moi esixentes, ríxidos e severos, sendo moi frecuentes as multas por falar, asubiar, etc.

As duras condicións de vida e de traballo provocaron que o proletariado se convertese nunha clase marxinal.

A Independencia e Revolución en EE. UU. (1776)

A primeira revolución liberal desenvolveuse nas colonias inglesas de América do Norte. En 1776, as 13 colonias proclamaron a súa independencia con respecto a Inglaterra, e mentres facían fronte á guerra contra os ingleses, construíron un novo modelo político baseado nos principios liberais.

As Causas da Rebelión

Dende principios do século XVII, a franxa costeira de América do Norte foi ocupada por colonos ingleses. Co obxectivo de afianzar o seu poder na zona, a Coroa Inglesa permitiulles un certo grao de autogoberno limitado polas leis que lles obrigaban a comerciar obrigatoriamente coa metrópole. A partir de 1763, tras a vitoria de Inglaterra sobre Francia e España, e para incrementar os ingresos e recuperarse dos gastos causados pola guerra, o Parlamento Inglés aumentou os impostos ás colonias de América do Norte. Os colonos opuxéronse a esta subida, incrementando e radicalizando as protestas nos anos sucesivos. A metrópole reaccionou castigando os colonos rebeldes. A idea da independencia foi gañando partidarios.

A Declaración de Independencia e a Guerra

En 1775 producíronse os primeiros enfrontamentos entre a metrópole e as colonias. Ao mesmo tempo que facían a guerra contra os ingleses, cada colonia converteuse nun estado con goberno propio. O 4 de xullo de 1776, as 13 colonias fixeron, conxuntamente, a Declaración de Independencia, que redactou Thomas Jefferson, na que nacían os Estados Unidos de Norteamérica. O apoio de Francia e España aos rebeldes internacionalizou o conflito, obrigando os ingleses a dispersar as súas forzas en diferentes frontes. Os resultados adversos obrigaron a Gran Bretaña a asinar a paz e recoñecer a independencia dos EE. UU. en 1783.

O Novo Modelo Político

Cada colonia converteuse nun Estado, con goberno, leis e constitucións propias e diferentes, pero baseáronse nos mesmos principios e dereitos. En 1787, os 13 estados pactaron a creación dunha república federal, onde cada estado conserva gran parte da súa soberanía, cedendo competencias a un goberno central dirixido por un presidente. Os principios foron recollidos na Constitución dos Estados Unidos. En 1789, a Constitución foi emendada para incluír os dereitos e liberdades fundamentais. O primeiro presidente dos EE. UU. foi George Washington.

A Revolución Francesa e o Imperio Napoleónico (1789-1815)

Entre 1789 e 1815, Europa viuse sacudida pola Revolución Francesa e a formación do Imperio Napoleónico.

1789: O Inicio da Revolución e as Súas Causas

O malestar xeral provocou o inicio da revolución debido a:

  • A creba das finanzas francesas: a débeda era superior aos ingresos.
  • A tensión social, xa que os estamentos reclamaban cambios.
  • A inadecuada resposta política.
  • A negativa dos privilexiados a pagar impostos.
  • A reunión dos Estados Xerais, onde os burgueses esixiron que as reunións fosen conxuntas e que se votase por individuos e non por estamentos, co obxectivo de facerse co control das decisións, xa que eran maioría numérica.
  • A formación da Asemblea Nacional, que foi considerada como única representación lexítima da nación francesa e a única que podería lexislar.
  • A actuación das masas populares de París, onde o 14 de xullo de 1789 os habitantes de París asaltaron a Bastilla, o cárcere real considerado como símbolo da arbitrariedade do rei, e fixéronse co control do poder na cidade.
  • No rural, as noticias dos acontecementos provocaron unha onda de medo (o Gran Medo).

1789-1792: A Monarquía Constitucional

Co triunfo popular, desapareceu o poder absoluto do rei. A Asemblea Nacional comezou a gobernar e a aprobar novas leis:

  • A abolición do réxime feudal, eliminando os impostos e dereitos dos señores.
  • A Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán, na que se recollían os dereitos básicos que se debían garantir: liberdade, igualdade ante a lei e a propiedade individual.
  • A primeira Constitución francesa (1791).

O rei opúxose sistematicamente, e os austríacos e prusianos invadiron Francia en 1792. O rei intentou fuxir de Francia, foi descuberto e encarcerado. A Asemblea aboliu a monarquía e proclamou a República.

1792-1804: A Primeira República Francesa

As diferenzas ideolóxicas dos revolucionarios deron lugar á formación de diferentes grupos políticos, que loitaron por controlar o poder e provocaron grande inestabilidade política, orixinando cambios no modelo político.

A Convención (1792-1794)

Luis XVI e a súa muller foron executados na guillotina (1793). Tomáronse medidas drásticas contra os inimigos da revolución, e estableceuse un réxime ditatorial dirixido por Robespierre (o Terror).

O Consulado (1799-1804)

Napoleón fixo un acordo co Papa: estableceu o catolicismo como relixión da maioría dos franceses, sostiña economicamente o clero, e estes renunciaban aos seus bens e recoñecían o goberno de Napoleón.

1804-1815: O Imperio Napoleónico

En 1804, partindo do seu prestixio, Napoleón deu un novo golpe de Estado e proclamouse emperador.

  • A expansión militar: A anexión de novos territorios permitiulle reorganizar o mapa europeo. En 1807, o Imperio alcanzou o seu máximo esplendor, expandindo as súas ideas revolucionarias e estimulando os sentimentos nacionalistas, aos que os pobos se resistían.
  • O permanente enfrontamento con Inglaterra: Sufriu derrotas como a de Trafalgar de 1805, onde a armada hispanofrancesa foi derrotada pola inglesa dirixida por Nelson. Intentou o bloqueo continental, tratando de colapsar a economía inglesa.
  • O fracaso das invasións de España e Rusia: En 1808, Napoleón intentou conquistar Portugal, atravesando España, e aproveitándose da crise da monarquía de Carlos IV, que perdera o trono por un golpe de Estado que dera o seu fillo Fernando VII. Destituíu os Borbóns e nomeou o seu irmán Xosé I Bonaparte, pero o pobo non o aceptou e remediárono mediante unha guerra de guerrillas. En 1812, Napoleón invadiu Rusia, pero o exército retirouse polo frío e polo desabastecemento.
  • A fin do imperio: Debeuse aos fracasos militares. Creouse unha gran coalición antifrancesa (formada por Inglaterra, Rusia, Suecia, Prusia e Austria). A finais de 1813 foi derrotado en Leipzig, e en 1814 Francia foi invadida. Estableceuse de novo o Antigo Réxime en toda Europa, e cada dinastía volveu aos seus tronos. En 1815, Napoleón fuxiu, desembarcou en Francia e recuperou o goberno (Imperio dos Cen Días), pero foi definitivamente derrotado en Waterloo.

Descargar

PDF Word HTML