O Golpe Militar de 1936 e o Inicio da Guerra Civil
Aínda que xa dende o día seguinte da súa proclamación os sectores máis intransixentes e radicais da dereita comezaron a conspirar contra a República, sería a partir da vitoria da Fronte Popular en febreiro de 1936 cando o bloque económico dominante, as forzas de dereitas, a Igrexa e un amplo sector do exército se poñerían de acordo para dar un golpe de Estado que acabase con ela.
A Trama da Conspiración Militar
En marzo, nunha reunión en Madrid na que entre outros xenerais participaron Emilio Mola e Francisco Franco, falouse da necesidade de dar un golpe militar que acabase co goberno da Fronte Popular e nomease unha xunta militar presidida polo xeneral Sanjurjo.
A complexa trama de sublevación iría perfilándose a partir das instrucións reservadas que o xeneral Mola remitiu aos militares implicados na sublevación. De acordo con elas, o golpe debería realizarse con extrema violencia. Primeiro declararíase o estado de guerra en toda España e logo pasaríase á detención e eliminación de todos os dirixentes políticos, obreiros e sindicais da Fronte Popular. Tamén se pecharían as Cortes.
Eventos Precedentes e o Estoupido
Mentres esta conspiración ía tomando forma, o 12 de xullo era asasinado en Madrid por pistoleiros falanxistas o tenente Castillo, membro da Garda de Asalto e home de esquerdas. Ao día seguinte e como represalia, os seus compañeiros asasinaban a José Calvo Sotelo, líder do Bloque Nacional e político de ideas semifascistas.
Un día despois da morte de Calvo Sotelo, Franco, que dubidaba sobre se secundar ou non a sublevación, mandáballe unha mensaxe a Mola dicindo que se sumaba á conspiración. E o 17 de xullo, o tenente coronel Yagüe sublevábase en Melilla contra a República.
A Estratexia Golpista e o Fracaso Inicial
Dentro da estratexia golpista e para triunfar de maneira rápida, os sublevados deberían conseguir que o maior número de cuarteis militares se amotinasen simultaneamente en toda España, sendo esenciais para o éxito os de Barcelona e Madrid. Ademais de contar co apoio das tropas de África (Lexión, as máis preparadas e equipadas), debían ter o apoio e respaldo da poboación civil.
Pero fracasaron. Nin se sublevaron todos os cuarteis, nin as principais cidades secundaron o golpe, nin contaron co apoio entusiasta da poboación e as clases traballadoras que, pola contra, tomaron as armas para defender a República.
Sería o medo e a brutal represión exercida nas zonas onde se impuxeron os militares (Vigo, por exemplo) o que fixo que, aterrorizada, unha parte da poboación apoiase o golpe.
Control Territorial Inicial
Cidades e territorios que caeron pronto nas mans dos sublevados:
- Sevilla
- Cádiz
- Galicia
- Parte das dúas Castelas
- Unha parte de Aragón
- Baleares
- Canarias
- Territorio do Marrocos español
Pola súa banda, as principais zonas industriais e as grandes cidades permaneceron fieis á República:
- Barcelona
- Madrid
- Málaga
- Oviedo
- Alacante
- Valencia
- Bilbao
O Traslado das Tropas de África e a Axuda Estranxeira
Unha vez os sublevados consolidaron o seu triunfo en Ceuta e Melilla, era necesario trasladar á península as tropas alí acantonadas para continuar o avance cara a Madrid. Pero ese traslado semellaba bastante complicado xa que os golpistas non tiñan barcos e o estreito estaba controlado pola Armada que se mantiña fiel ao goberno.
O problema resolveuse cando Mussolini e Hitler puxeron á disposición de Franco os avións necesarios para trasladar ás costas andaluzas os 20.000 homes que permanecían no norte de África.
Pode dicirse pois que sen a axuda da Alemaña nazi e da Italia fascista, as tropas de África nunca terían posto os pés na península co que, moi probablemente, o goberno podería ter sofocado o golpe e, quizais, a Guerra Civil nunca tería ocorrido.