Gobernos de Dereitas e Revoltas de 1934 na Segunda República

Historia2,25 KB

Os gobernos de dereitas e a crise republicana

A cruenta represión do levantamento de Casas Viejas provocou unha grave crise ao goberno republicano-socialista e Manuel Azaña presentou a súa dimisión. O presidente da República, Alcalá Zamora, disolveu as Cortes e convocou novas eleccións.

As eleccións que tiveron lugar en novembro de 1933, as primeiras en que puideron votar as mulleres, foron gañadas polos partidos de dereita (40% dos votos) e de centro (21%). Alejandro Lerroux, líder do Partido Radical, foi elixido presidente do goberno co apoio parlamentario da CEDA.

O novo goberno iniciou un proceso de desmantelamento da obra reformista anterior: paralizou as reformas agraria e a militar, modificou a política relixiosa, propiciando un achegamento á Igrexa Católica, concedeulles a amnistía aos sublevados do golpe do xeneral Sanjurjo.

Como consecuencia da depresión económica mundial, iniciada en 1929, o paro e as folgas aumentaron. Ademais, os sindicatos e partidos obreiros alentaron á mobilización social temendo que se producise en España unha deriva cara ao fascismo, como estaba sucedendo nalgúns países de Europa (Italia, Alemaña e Austria).

As revoltas de 1934

O conflito estalou en outubro de 1934, a raíz dunha remodelación do goberno que deu entrada a tres ministros da CEDA. Ao día seguinte, a UXT convocou unha folga xeral que tivo un escaso seguimento. No entanto, nalgunhas zonas, como Asturias e Cataluña, producíronse movementos insurreccionais.

A revolución de Asturias

En Asturias, a revolución tivo un carácter social. Militantes anarquistas, socialistas e comunistas, ocuparon a cunca mineira e proclamaron a revolución social. A revolta foi sufocada polo exército e duramente reprimida.

A insurrección en Cataluña

En Cataluña, onde o goberno da Generalitat estaba en mans dunha coalición de esquerdas, o presidente Lluís Companys encabezou a insurrección e proclamou o Estado catalán dentro da República Federal Española. A rebelión, que non contou co apoio do sindicalismo anarquista, foi rapidamente sufocada e como represalia suspendeuse o Estatuto de Autonomía e o presidente da Generalitat foi levado preso xunto a outros líderes políticos.

Descargar

PDF Word HTML