Glosario de Termos Históricos de España e Galicia

Historia9,67 KB

Aula Regia

Asemblea política de carácter laico cuxa creación se atribúe a Leovixildo, na monarquía visigoda hispana. Está formada por un consello de notables que colaboran cos xefes militares e co rei. Ten un carácter consultivo, polo que o rei non está na obriga de aceptar as súas decisións. Colabora na redacción de leis e na impartición de xustiza. Dátanse entre os séculos VI e VIII d.C.

Bárbaros

Termo pejorativo que fai referencia aos pobos que non falan nin grego nin latín. Denomínase así aos pobos de Asia e Europa que, a partir de principios do século V d.C., ocupan partes do territorio do Imperio Romano. Na Península Ibérica destaca a entrada a partir do 409 d.C. de vándalos, alanos, suevos e visigodos.

Castro

Poboado fortificado prerromano, xeralmente de forma oval ou circular, datable na Idade de Ferro. Normalmente sitúanse en zonas elevadas ou de difícil acceso, e están compostos de elementos defensivos tales como foxos, murallas ou parapetos.

Conventus

Subdivisións administrativas nas que se divide unha provincia romana, creados na época de Augusto. Trátase de distritos de carácter sobre todo xurídico, pero tamén relixioso e económico, dirixidos polo gobernador provincial ou legado.

Economía predadora

Actividade económica propia da sociedade do Paleolítico, caracterizada por tomar directamente da natureza aqueles elementos necesarios para a supervivencia, tales como alimentos (caza, pesca e recolección) ou refuxio (covas ou abrigos). No Neolítico producirase o paso dunha economía predadora a outra produtora.

Guerras cántabras

Enfrontamentos entre o Estado romano e diversos pobos prerromanos peninsulares (astures e cántabros), entre os anos 29 e 19 a.C. A derrota deses pobos supón a culminación da conquista da Península, iniciada a principios do II a.C. As operacións militares foron dirixidas polo propio Octavio Augusto.

Megalitismo

Manifestación cultural típica do Neolítico europeo (a partir do V milenio a.C.), caracterizado pola construción de monumentos a base de pedras de gran tamaño, os megálitos (mega=grande, lithos=pedra). Teñen fins funerarios (caso dos dólmenes, onde se enterran membros do mesmo grupo humano) ou rituais (caso dos menhires ou os cromlech).

Carta de poboamento

Tamén coñecidas como cartas forais, son privilexios que o rei concede a novos poboadores para habitar vilas ou cidades liberadas das mans dos musulmáns durante o período da Reconquista. Faise común a partir do século X, sobre todo nos vales do Douro e Ebro, estendéndose cara ao sur segundo avanzaba a reconquista.

Manso

Extensións de terreo cedidos polo señor feudal ao campesiñado durante a Baixa Idade Media. A cambio, o campesiño paga unhas rendas, ben en diñeiro ou produtos, ou ben coa súa forza de traballo.

Marca Hispánica

Fronteira político-militar establecida polo Imperio Carolinxio a partir de finais do século VIII, creada por Carlomagno para conter unha posible extensión do Islam. Estaba formada por varias comarcas da actual Cataluña, Aragón e Pamplona.

Mesta

Tamén coñecido como Honrado Concello da Mesta, era unha organización de gandeiros transhumantes que acadaron un gran poder social e político en Castela durante a Idade Media e Idade Moderna. Foi creada no século XIII por Afonso X o Sabio, outorgándolle prerrogativas tales como dereitos de pastoreo, de paso, etc.

Mozárabe

Persoa que, vivindo en territorio musulmán, conserva a súa relixión cristiá a cambio do pago duns impostos especiais. Porén, sufriron periódicas persecucións, segundo o maior ou menor grao de tolerancia relixiosa que tivesen os gobernantes de Al-Andalus nos diferentes períodos. Neste sentido, destaca a persecución dos Mártires de Córdoba no século IX.

Presura

Tamén coñecida como aprisio. Nos primeiros momentos da Reconquista (entre o VIII e o IX), modalidade de repoboación na que o rei autoriza a establecerse en determinado territorio, que pasa a ser propiedade de quen o cultiva. Os novos posesores comprométense á defensa militar dos terreos en caso de ataques musulmáns.

Taifas

Pequenos estados musulmáns, independentes entre si, que xurden na Península Ibérica tras o desmembramento do Califato de Córdoba a partir do século XI. Haberá tres grandes períodos de taifas (Primeiras, Segundas e Terceiras Taifas), interrompidos polas invasións estranxeiras de almorávides e almohades. A partir do século XIII só sobrevive o reino nazarí de Granada.

Converso

Xudeu que se converte ao cristianismo. En 1492, os Reis Católicos decretan a expulsión dos xudeus das súas coroas ou ben a súa conversión forzosa. Neste caso, chamaranse cristiáns novos e estarán baixo a atenta mirada da Inquisición, que acusará a moitos deles de xudaizar en secreto.

Gran Armada

Tamén coñecida como Armada Invencible. Gran frota coa que Filipe II pretende invadir Inglaterra en 1588. A expedición será un fracaso completo debido a unha mala planificación, acrecentando o poder naval inglés no Atlántico. Aproximadamente un terzo da frota non regresa, debido sobre todo ás adversas condicións meteorolóxicas.

Mourisco

Musulmáns que se converten forzosamente ao cristianismo tras a pragmática dos Reis Católicos de 1502, aínda que moitos manteñen en secreto a súa relixión e costumes. Dedícanse normalmente a traballos manuais e á agricultura, sobre todo no Levante español. En 1609 son expulsados cun decreto de Filipe III.

Terzos

Unidade do exército militar español durante a época dos Austrias. Son creados por Carlos I en 1534 e disolveranse en 1704. Son o primeiro exército moderno de Europa, xa que se trata dun exército de profesionais (en vez de soldados de levas), e xogarán un papel fundamental no conflito de Flandres.

Unión de Armas

Proxecto do Conde-Duque de Olivares (1626) para crear un exército permanente de 140.000 homes sustentado por todos os reinos en función da súa riqueza e poboación. Moitos territorios néganse, sobre todo Aragón, sendo unha gran fonte de conflitos.

Valido

Tamén coñecido como favorito, é unha especie de ministro principal designado polo rei e que actúa no seu nome. Pese a que é unha figura xa existente na Idade Media, será cos Austrias Menores (Filipe III, Filipe IV e Carlos II), durante os séculos XVI e XVII, cando acade maior importancia.

Xuntas do Reino de Galicia

Institución do Reino de Galicia durante o Antigo Réxime, presidida polo gobernador capitán xeneral e integrada polos representantes —procuradores— das sete provincias do reino. Teñen dúas funcións principais: servir de vía para as peticións do monarca e transmitir a este as demandas da sociedade galega, sobre todo das elites urbanas.

Antigo Réxime

Termo acuñado polos revolucionarios franceses para referirse ao reinado de Luís XVI, e que designa o sistema político (monarquía absolutista), económico (base agraria) e social (sociedade estamental) característico de Europa entre os séculos XVI e XVIII. Este modelo entrará en crise a partir da Revolución Francesa.

Catastro de Ensenada

Reconto de bens e habitantes realizado polo Marqués de Ensenada, ministro de Fernando VI, en 1749, na Coroa de Castela (excluíndo as provincias vascas). O seu obxectivo é racionalizar o sistema fiscal castelán atendendo á filosofía do reformismo borbónico, e constitúe un documento de gran valor estatístico. Supuxo a queixa dos grupos privilexiados.

Decretos de Nova Planta

Supresión das leis e institucións políticas propias nos reinos da Coroa de Aragón para substituílas polos modelos casteláns. Foron decretados por Filipe V entre 1709 e 1715 debido á rebelión destes territorios durante a Guerra de Sucesión, ao tomar partido por Carlos de Austria.

Despotismo ilustrado

Concepto político que xurde na Europa do século XVIII, no marco da Ilustración, e que defende o reforzamento do poder real co fin de incrementar a riqueza do reino e a felicidade dos seus habitantes. O seu lema era: “todo para o pobo, pero sen o pobo”.

Motín de Esquilache

Tumulto popular que ten lugar en Madrid en 1766 debido ao decreto do ministro italiano de Carlos III, o Marqués de Esquilache, que prohibe o uso de aba ancha e capa longa. A súa orixe está no descontento pola carestía do pan, a oposición dos privilexiados ás reformas e a xenofobia ante os ministros italianos.

Paz de Utrecht

Tratado asinado en 1713 entre as potencias europeas que puxo fin á Guerra de Sucesión española. Recoñécese a Filipe V de Borbón como rei de España a cambio de concesións a Gran Bretaña (Xibraltar, Menorca e privilexios comerciais) e cesións territoriais a Austria (Flandres e Nápoles).

Regalismo borbónico

Conxunto de teorías políticas que fan prevalecer os dereitos reais sobre os eclesiásticos. A dinastía borbónica trata de impoñer a súa autoridade sobre a da Igrexa en España. Terá un dobre obxectivo: influír no nomeamento de cargos eclesiásticos e recadar rendas de sedes episcopais vacantes. O acordo asínase co Concordato de 1737.

Descargar

PDF Word HTML