Glosario de Termos Históricos: Conversos, Armada Invencible e Máis
Glosario de Termos Históricos
Converso
Denomínase converso ás persoas que aceptaron unha crenza relixiosa que antes non profesaban. Especialmente aplicable aos musulmáns (mouriscos) ou xudeus (xudeoconversos) convertidos ao cristianismo tralas medidas de conversión forzosa dos Reis Católicos. Nos séculos XVI e XVII a chamada “limpeza de sangue” foi utilizada como mecanismo de exclusión social dos conversos e os seus descendentes.
Grande Armada
Tamén chamada Armada Invencible, concebiuse en 1588 para conquistar Inglaterra, derrocar a Isabel I, garantir a seguridade da chegada dos metais preciosos de América atacados por corsarios ingleses como Drake e privar de apoio á rebelión dos Países Baixos. Tanto a planificación como a execución da invasión foron un rotundo fracaso por motivos loxísticos, estratéxicos e por factores naturais adversos.
Mourisco
Musulmáns conversos ao catolicismo tralas medidas de conversión forzosa dos Reis Católicos. Moitos seguían mantendo os seus costumes e estaban localizados sobre todo no Levante. As relacións foron difíciles, vistos como un apoio ao ataque dos piratas berberiscos, á parte de protagonizar a rebelión das Alpuxarras (1567-70). En 1609, o rei Filipe III ordena a expulsión dos mouriscos de España, ao redor de trescentos mil.
Terzos
Nome que recibiu o exército profesional da Monarquía Hispánica integrado por mercenarios e soldados de levas; combinaba tropas de infantería con picas e armas de fogo. A súa disciplina e profesionalidade convertéronos nunha arma determinante durante 150 anos e no eixe da política imperial dos Austria.
Unión de Armas
Proposta do conde-duque de Olivares (1625) para establecer un exército permanente de 140.000 homes sostido por todos os reinos da monarquía hispánica en función da súa poboación e riqueza. Pretendía unificar politicamente o imperio, suprimindo as diferenzas forais. Fracasou polas dificultades económicas e a oposición dos reinos, que levaron ás rebelións de 1640, que xunto coas derrotas en Europa puxeron fin á hexemonía hispánica.
Valido
Soen ser nobres con grande ambición que están no círculo máis próximo ao rei e aos que o soberano outorga a súa máxima confianza e delega as tarefas de goberno. No século XVII proliferaron cos Austrias menores: Duque de Lerma – Filipe III, Conde Duque de Olivares – Filipe IV e D. Xoán Xosé de Austria – Carlos II.