Glosario de Termos Económicos e Turísticos en Galego
Glosario de Termos Económicos e Turísticos
Balanza de pagamentos: É unha conta que rexistra as transaccións monetarias entre un país e o resto do mundo. Poden incluír pagamentos por exportacións e importacións do Estado en cuestións de bens, servizos, capital financeiro e transferencias financeiras. As fontes de fondos para un país (exportacións,...) rexístranse como datos positivos mentres as importacións como datos negativos.
Economía somerxida: Conxunto de actividades económicas que se desenvolven clandestinamente e escapan ao control fiscal e ás leis e normativas laborais. Permite a subsistencia marxinal dun sector máis ou menos amplo da poboación que non recibe contrapartidas legalmente recoñecidas.
Ecoturismo: É unha nova tendencia do Turismo Alternativo. Priviléxiase a sustentabilidade, a preservación, a apreciación do medio natural e cultural. Preténdese manter o benestar das poboacións locais, minimizando os impactos negativos para o ambiente e a comunidade local.
Franquicia: Cadeas de establecementos pertencentes a empresas xuridicamente distintas ligadas por un contrato no que unha lles concede a outras as concesionarias, a licencia para explotar unha marca ou unha fórmula comercial mediante o pagamento dunha cantidade determinada, achegándolle a asistencia, a publicidade,...
Loxística do transporte de mercadorías: Comprende a planificación, organización, xestión e realización das actividades de transporte de mercadorías na cadea de subministración de materias primas á industria, mercadorías a almacéns, clasificación e embalaxe, transferencia de mercadorías dun transporte a outro e repartición ata o punto final.
Portos secos: Son terminais multimodais de mercadorías, situadas no interior dun país, que dispoñen de enlaces directos cos portos marítimos e poden incluír tamén servizos de alfándegas.
PEIT: É un plan que proxectaba actuacións en infraestruturas e transportes ao longo do período 2005-2020. A planificación permitía crear un marco estable para a política de transporte, coordinar os labores entre administracións e incorporar unha visión europea da nosa política de transporte. Os seus obxectivos son o fortalecemento da cohesión social e territorial, incrementar a calidade e seguridade do transporte, contribuír á mobilidade sostible e atender á intermodalidade.
Servizos á produción: Actividades terciarias de apoio á produción industrial, tanto previas como posteriores a ela. Superan ao emprego propiamente produtivo, que diminúe pola mecanización.
Taxas aeroportuarias: Son o prezo que en moitos países pagan os viaxeiros, tanto en voos nacionais como internacionais, polo uso dos aeroportos.
Tour operadores: Axencias intermediarias entre o establecemento turístico e as axencias retallistas. Ofrecen paquetes turísticos a un prezo global con todo incluído.
Estacionalidade turística: Concentración da demanda turística en certos meses do ano. En España a demanda concéntrase no verán, dado o modelo turístico predominante de sol e praia.