Glosario de Termos de Administración, Economía e Turismo en Galicia
Glosario de Termos de Administración, Economía e Turismo
Comunidade autónoma: É unha entidade territorial formada por provincias limítrofes, territorios, ou provincias con entidade rexional histórica.
Estatuto de Autonomía: É a norma legal básica pola que se rexen todas as comunidades autónomas. Nela establécese a súa denominación, delimitación territorial, identificación das institucións autonómicas existentes e a súa localización, así como as competencias que se asumen.
Municipio: É a entidade territorial básica. A súa función é prestarlles servizos aos veciños. O goberno e a administración municipal correspóndelle ao concello.
Parroquia: División administrativa menor que un municipio, integrada por varias aldeas. É a categoría tradicionalmente recoñecida ás entidades colectivas de poboación. En Galicia existen 3781 parroquias que comprenden dende tres ou catro aldeas ata quince ou máis.
Provincia: É unha entidade territorial local formada por unha agrupación de municipios. O goberno e a administración provincial correspóndelle á deputación, integrada por un presidente e deputados.
Balanza de pagamentos: É unha conta que rexistra todas as transaccións monetarias entre un país e o resto do mundo. Estas transaccións poden incluír pagamentos polas exportacións e importacións do Estado e transferencias financeiras.
Taxas aeroportuarias: As taxas aeroportuarias son o prezo que en moitos países pagan os viaxeiros, tanto en voos nacionais como internacionais, polo uso dos aeroportos.
Tour operadores: Axencias maioristas intermediarias entre o establecemento turístico e as axencias de viaxes. Ofrecen paquetes turísticos a un prezo global, quedándose cunha comisión.
Movementos antiglobalización: Corrente de protesta mundial e rexeitamento ao capitalismo e ao modelo neoliberal. Os diferentes grupos antiglobalización levan máis dunha década traballando en cuestións relacionadas cos problemas causados pola globalización da economía mundial.
Obxectivos do Milenio: Son fixados pola ONU no ano 2000. Son obxectivos do desenvolvemento humano (erradicar a pobreza e a fame; lograr o ensino primario universal; promover a igualdade de xéneros, combater a SIDA, etc.).
Xeopolítica: É unha rama das Ciencias Políticas que estuda ao Estado como un organismo vivo e partindo do territorio como influente e ata condicionante da actividade humana co fin de conseguir seguridade e benestar.
Economía somerxida: Conxunto de actividades económicas que se desenvolven clandestinamente e escapan ao control fiscal e ás leis e normativas laborais.
Ecoturismo: Nova tendencia do Turismo Alternativo, diferente ao Turismo tradicional. Nas actividades turísticas, priorízase a sustentabilidade, a preservación e a apreciación do medio natural e cultural. Preténdese manter o benestar das poboacións locais, minimizando os impactos negativos para o ambiente e a comunidade local.
PEIT: Plan Estratéxico de Infraestruturas do Transporte. É un plan que proxectaba actuacións en infraestruturas e transportes ao longo do período 2005-2020. Entre os seus obxectivos están lograr un sistema de transporte equilibrado para acadar medidas de corrección da radialidade da rede, equilibrar o excesivo peso da estrada fomentando o transporte ferroviario, e maior seguridade nos transportes.