Glosario da Idade Media: Reconquista e Repoboación
Carta de Poboamento
Documento polo que os monarcas e os señores laicos e eclesiásticos concedían privilexios forais a quen se establecese en determinados lugares ou cidades coa finalidade de atraer poboación e repoboar os territorios que se ían reconquistando aos musulmáns. En Galicia, os monarcas Fernando II e Afonso IX foron os que máis potenciaron a fundación ou repoboación de núcleos urbanos concedendo numerosos privilexios aos seus habitantes.
Manso
Unidade de explotación agraria familiar (casa e terras de cultivo) que o señor feudal cedía en usufruto a un colono libre ou a un servo a cambio de certas prestacións e censos. Xunto coa reserva señorial constituían os elementos básicos de explotación dos feudos na Alta Idade Media.
Marca Hispánica
Territorio controlado nos séculos VIII e IX polos emperadores carolinxios e reis dos francos (Carlomagno, Luís o Piadoso, Carlos o Calvo) ao sur dos Pireneos, formando a fronteira entre o imperio carolinxio e Al-Ándalus. Comprendía inicialmente os condados de Pamplona, Aragón, Sobrarbe, Ribagorza, Pallars, Urxel, Cerdaña, Besalú, Ampuries, Vic, Xirona e Barcelona. Estivo gobernada por condes designados polos monarcas francos, pero ao longo do século IX foron tendo unha crecente autonomía ata crear condados e reinos independentes (Pamplona ou Navarra, Aragón e condados cataláns).
Mesta
Organización dos gandeiros da Coroa de Castela fundada en 1273 polo rei Afonso X, quen reuniu nunha única institución ás varias mestas existentes. Estaba rexida polo Consello da Mesta, que chegou a ser unha poderosa institución ao servizo dos grandes gandeiros (alta nobreza castelá) e da propia Coroa, que se beneficiaba das taxas pagadas pola exportación da la. Os privilexios dos gandeiros orixinaron numerosos conflitos cos agricultores ata que a Mesta foi abolida en 1836.
Mozárabe
Cristián sometido aos musulmáns en Al-Ándalus. A cambio de conservar a súa fe e os seus costumes tiñan que pagar elevados impostos, polo que moitos foron desprazándose cara ao norte, aos territorios controlados polos reis cristiáns.
Presura
Forma inicial de repoboación organizada polos cristiáns a partir de finais do século VIII para ocupar as terras ermas, pouco poboadas ou que se ían reconquistando aos musulmáns. Os reis autorizaban a establecerse nun determinado territorio, que pasaba a ser propiedade de quen o ocupase e explotase. Houbo dúas modalidades:
- Oficial: desenvolvida polo rei ou polos seus delegados.
- Privada: efectuada por nobres, eclesiásticos ou familias de campesiños libres.
Taifas
Reinos que xurdiron da desmembración do califato de Córdoba en 1031. Estaban dominados polas oligarquías locais ou polos xefes militares das principais cidades de Al-Ándalus. Enfrontados entre si, as fronteiras flutuaban e o seu poder foi cada vez máis débil, sendo incapaces de facer unha fronte común ante os ataques cristiáns. O derradeiro reino taifa foi o de Granada, conquistado en 1492 polos Reis Católicos dando así fin á Reconquista.