Glosario de Construción: Aparellos, Muros, Arcos e Bóvedas
Glosario de Construción
Aparello: forma de dispoñer os materiais empregados na construción dun muro.
Tipos de Aparellos
- Aparello de "sillería" ou isodomo: realizado con pedras ben labradas (sillares) normalmente de sección rectangular.
- Almofadado: aparello de sillería coas xuntas biseladas.
- Cachotería ("Mampostería"): muro feito con pedras sen traballar, dispostas de maneira irregular e unidas con lama ou argamasa (cal, area e auga).
Elementos do Muro
- Xamba: partes do muro que encadran lateralmente un van (porta ou ventá).
- Lintel: é un elemento horizontal de madeira, pedra ou doutro material que cobre a parte superior dun van.
Arcos
- Arco: é un elemento curvo que cobre a parte superior dun van. O arco componse de pezas chamadas doelas. Hai distintos tipos de arcos (medio punto, apuntado, de ferradura, lobulado).
- Doelas: pezas en forma de cuña que forman o arco.
- Clave: doela central do arco.
- Luz: anchura máxima do arco.
- Imposta: moldura saínte sobre a cal se apoia o arco.
Piares e Columnas
- Piar: elemento de soporte vertical de sección cadrada, circular ou poligonal.
- Pilastra: piar adosado a un muro con basa e capitel.
- Columna: soporte vertical de sección circular, componse fundamentalmente de tres partes: basa (pedestal), fuste (corpo da columna) e capitel (peza que remata o fuste e na que repousa o elemento sostido pola columna).
Outros Elementos Estruturais
- Contraforte: obra maciza, a xeito de pilastras, adosada ao muro dun edificio e que serve para reforzalo nos puntos nos que recibe os maiores empuxes.
- Modillón ("canzorro"): peza de sostén que sobresae do plano vertical dunha parede para termar do peso dun balcón, dos beirais dun tellado...
Bóvedas
- Bóveda: estrutura que cobre de forma arqueada un espazo entre muros, piares ou columnas.
- Bóveda de canón: formada polo desprazamento dun arco de medio punto ao longo do seu eixe lonxitudinal.
- Bóveda de arestas: formado polo cruce perpendicular de dúas de canón.
- Bóveda de cuarto de esfera: consta dun cuarto de esfera que cobre un espazo semicircular.
Cubertas e Entaboamentos
- Cuberta: elemento sustentado dun edificio.
- Cuberta alintelada ou arquitrabada: tipo de cuberta que utiliza elementos de peche, planos, horizontais.
- Entaboamento: recibe este nome a parte superior sustentada dun edificio.
Cúpulas
- Cúpula: bóveda semiesférica que cobre un espazo cuadrangular, poligonal ou circular. O paso da forma cadrada a circular ou octogonal faise a través de trompas ou pechinas. Cando se desexa dar unha maior elevación á cúpula, engádese un tambor octogonal ou cilíndrico. Para darlle maior luminosidade, ponse sobre o casquete un corpo chamado lanterna, aberto por ventás.
Escultura
- Escultura: é a arte de modelar, tallar ou esculpir en tres dimensións.
- Baldeirado: procedemento para a reprodución de esculturas. Técnica que consiste en aplicar xeso ou resina a unha escultura ou relevo, co fin de conseguir un molde da obra. Ese molde emprégase despois para facer as copias que se desexen.