Galicia nos Austrias: agricultura, pesca e fidalguía

Historia3,28 KB

Economía e sociedade na Galicia dos Austrias

A agricultura e as súas transformacións

O Reino de Galicia, como a maior parte de Europa, continuou sendo unha economía agraria e rural durante os séculos XVI e XVII. A agricultura do século XVI rexistrou un aumento da produción a nivel cuantitativo pero dentro das pautas tradicionais tanto nos tipos de cultivos como nas técnicas. Foi grazas á introdución de novos cultivos —como o millo e a pataca— durante o século XVII que a produción agrícola aumentou, facilitando o incremento demográfico dos séculos XVII e XVIII.

Paralelamente, durante estes séculos o foro consolidouse como o tipo de contrato principal. Trátase dun acordo de longa duración (por exemplo, pola vida de tres reis) polo que o propietario —en Galicia a Igrexa era a principal dona de terras— cede o uso da terra a unha familia campesiña a cambio dunha renda e baixo unhas condicións estipuladas. Malia o éxito do foro, os arrendamentos e as aparcerías destacan nalgunhas comarcas, como na antiga provincia de Mondoñedo.

A importancia da pesca na Galicia litoral

Na Galicia costeira a pesca foi unha actividade económica fundamental. Destacaba o porto de Pontevedra, especializado na captura de sardiña e pescada; contaba cunha potente confraría que regulou a pesca dende Noia a Vigo. Durante os séculos XV e XVI os conflitos litorais de base señorial afectaron aos mareantes, que estaban sometidos a un réxime señorial semellante ao do campesiñado.

Con todo, no século XVII o sector pesqueiro entrou en crise pola conxunción de varios factores:

  • presión señorial sobre os mariñeiros;
  • a ríxida regulamentación de gremios e concellos, que limitou a introdución de novas artes;
  • a inseguridade polos ataques corsarios;
  • e a competencia dos ingleses e holandeses no ámbito marítimo.

Estructura social: sociedade rendista e peso da fidalguía

A nivel social, o fenómeno do foro modificou a estrutura social. Isto débese ao nacemento dunha fidalguía intermediaria entre os grandes dominios eclesiásticos e o campesiñado foreiro. Moitos membros da baixa nobreza optaron por aforar aos mosteiros lugares enteiros e logo subaforalos por partes a unha ou varias familias campesiñas. Calcúlase que un terzo da produción agraria anual quedaba en mans da fidalguía.

O aumento da riqueza agraria durante o século XVII fomentou a construción en estilo barroco de igrexas e mosteiros pero tamén de pazos fidalgos, mostra do poder destas familias. A ausencia das grandes casas nobiliarias galegas —moi afastadas pola súa presenza na corte ou pola súa absorción matrimonial con títulos foráneos— fixo que a sociedade estamental galega descansase sobre tres grupos principais:

  • O campesiñado (maioritario);
  • O clero;
  • A fidalguía (rendista).

Pero esta fidalguía rendista foi o grupo central do Antigo Réxime pola súa presenza en todo o territorio, polo seu control das elites letradas e polo seu dominio dos concellos urbanos e das Xuntas do Reino de Galicia.

Descargar

PDF Word HTML