Funcións da lingua: diglosia e prexuízos lingüísticos

Lingua e literatura2,44 KB

A comunicación entre os seres humanos é a función principal de calquera lingua. A lingua non ten unha soa función. As linguas non transmiten simplemente o contido estrito das mensaxes, senón que, grazas á variación lingüística e á existencia de distintas variedades, ofrecen tamén outras informacións. Se temos confianza co noso interlocutor, atuámolo; se non a temos, tratámolo de vostede. A lingua axuda tamén a situar un falante no contexto social. O uso duns conxuntos de trazos ou doutros indícanos o grupo social a que pertence o falante. O falante coñece o valor social ante o interlocutor, por esta razón non é habitual falar sempre na lingua estándar ou coñecer só unha variedade lingüística:

  • Se se fala na mesma variedade en todos os contextos, márcase unha diferenza cos falantes que non a empregan. Este fenómeno coñécese como diverxencia.
  • Se nos adaptamos á forma de falar dos membros do grupo no que queremos entrar, este fenómeno chámase converxencia.

Pode acontecer que nunha sociedade existan dúas linguas ou máis, fenómeno denominado multilingüismo. Pode acontecer que a xente xulgue que para as funcións formais sexa preciso empregar unha lingua, mentres que para funcións informais, outra. Nestes casos, dise que hai diglosia cando unha lingua se emprega para escribir, rezar, no ensino, na política, e a outra para os usos comúns. Ninguén ten como materna a lingua de prestixio; todos coñecen e falan a lingua informal. Tamén pode suceder que distintos grupos sociais empreguen distintas linguas, por exemplo, que as clases dominantes empreguen normalmente unha lingua e as restantes clases outra lingua distinta. Esta situación chámase bilingüismo diglósico. O máis común nestas situacións é que a lingua das clases populares careza de prestixio. Cando isto ocorre as clases populares desvalorizan o seu idioma e deixan de falalo e de transmitírllelo aos seus fillos. Esta situación coñécese como conflito lingüístico ou substitución lingüística. As situacións de conflito lingüístico adoitan rematar de dúas maneiras:

  • No primeiro caso, a lingua desprestixiada desaparece porque os seus falantes deixan de falala.
  • No segundo caso, prodúcese a normalización do uso da lingua desprestixiada e pasa a ser coñecida e usada por todos.

Descargar

PDF Word HTML