Franquismo: Evolución Política e Illamento Internacional
A Consolidación do Réxime Franquista e a Súa Evolución Política
A consolidación do réxime franquista e a súa evolución política estiveron moi condicionadas polos acontecementos da Segunda Guerra Mundial e as súas consecuencias máis inmediatas.
Apoio ao Eixe e Neutralidade
Ao inicio da Segunda Guerra Mundial, o franquismo amosou o seu apoio ás potencias do Eixe. Aínda así, España non se atopaba en boas condicións para entrar nunha guerra, polo que Franco declarou a neutralidade de España.
Da Neutralidade á Non Belixerancia
A vitoria alemá sobre Francia motivou o paso da neutralidade á non belixerancia, que implicaba un claro apoio diplomático e económico ás potencias do Eixe. Malia as conversas entre Franco e Hitler en Hendaia en 1940, España non entrou na guerra, aínda que colaborou no esforzo bélico enviando material estratéxico, aprovisionamentos e unha unidade de voluntarios para loitar na fronte contra o comunismo.
Regreso á Neutralidade
En outubro de 1943, a guerra comezou a ser claramente desfavorable ás potencias fascistas, o que provocou o regreso á neutralidade.
Illamento Internacional
Coa derrota de Alemaña, o franquismo asumiu que o seu mantemento esixía tomar distancias do fascismo. A fin da Segunda Guerra Mundial supuxo para o franquismo unha etapa de illamento e rexeitamento internacionais. As acabadas de crear Nacións Unidas recomendaron a retirada dos embaixadores de Madrid. Franco interpretou que todo isto era unha manobra para desprestixiar a España e levar os españois a unha nova Guerra Civil. O mantemento do franquismo despois da guerra mundial tivo un enorme custo económico e político. Como consecuencia do illamento internacional, España recibiu unhas axudas bastante reducidas en termos comparativos e, ademais, foi excluída da OTAN.
Recoñecemento Internacional
En 1953, Franco obtivo o definitivo recoñecemento internacional do réxime coa sinatura dos acordos cos Estados Unidos e do concordato coa Santa Sé. Os americanos obtiveron o dereito para establecer e utilizar unha serie de instalacións militares. A cambio, España recibiu material bélico para modernizar as súas forzas armadas, así como axuda económica e técnica.
Problemas Internos e Cambio de Orientación
A mediados da década dos 50, a admisión de España no contexto internacional déralle un respiro ao franquismo, pero moitos dos problemas interiores seguían sen se resolver. A situación económica era moi complicada; as axudas americanas non abondaban para salvar a situación de crise. Producíronse unha serie de protestas obreiras nalgunhas cidades e os primeiros movementos de disidencia nas universidades.
Dentro do réxime aumentaba a presión dos que defendían a necesidade dun fondo cambio na orientación económica. Eran conscientes da necesidade de reorientar o Estado.
Os Tecnócratas
En 1957, Franco realizou unha nova remodelación do goberno, arredando os falanxistas e promocionando os sectores católicos. Entran como ministros homes procedentes do Opus Dei, os chamados tecnócratas, que ocuparon postos decisivos na dirección económica do país.