Fin da hexemonía hispánica: Austrias menores e crise
A fin da hexemonía hispánica
A monarquía hispánica experimentou un declive ao longo do século XVII, afectada polas limitacións dos reis, polas dificultades de gobernar territorios dispersos e varios e, como xa viches, pola rivalidade con Francia en Europa.
Os Austrias menores
No século XVI reinaran con notable eficacia Carlos I e Filipe II. Ao longo do século XVII sucedéronse no trono hispánico Filipe III (1598-1621), Filipe IV (1621-1665) e Carlos II (1665-1700), coñecidos como os Austrias (ou Habsburgo) menores.
Estes monarcas, a diferenza dos seus predecesores, tiñan unha personalidade débil. Ademais, delegaron o goberno en validos como o duque de Lerma ou o conde-duque de Olivares.
A decadencia da monarquía
A monarquía hispánica era un Estado complexo e diverso, integrado por diferentes territorios que, aínda que compartían rei, dispoñían de leis e institucións propias, así como linguas diferentes. O desenvolvemento do goberno absolutista viuse limitado por estas circunstancias.
O duque de Lerma, privado de Filipe III, promoveu unha política pacificadora, especialmente en Flandres (Tregua dos Doce Anos, 1609), para facer fronte á crise económica española. Con todo, o conde-duque de Olivares, valido de Filipe IV, tentou restaurar a hexemonía hispánica coa Unión de Armas (1626), un proxecto unificador polo cal os diversos reinos tiñan que achegar soldados e pagar máis impostos.
O conde-duque de Olivares pretendía transformar un imperio formado por varios reinos nun só Estado coas mesmas leis e institucións (as de Castela). Isto provocou revoltas contra o centralismo en Cataluña (guerra dels Segadors) e Portugal en 1640; despois, a crise estendeuse a Nápoles, Aragón e Andalucía.
Crise, guerra e cambio dinástico
A finais do século XVII, a monarquía hispánica experimentou unha gran crise, que conduciu a unha guerra (a guerra de Sucesión, 1701-1713) e á fin da dinastía dos Austrias, que foron substituídos polos Borbóns.
O rei Carlos II non tivo descendencia, e había dous candidatos a sucedelo: o arquiduque Carlos de Austria e Filipe de Anjou, da dinastía Borbón. Carlos II designou como sucesor a este último. Pero ante a posibilidade dunha futura unión de España e Francia, o resto das potencias aliáronse para apoiar a Carlos de Austria.
A guerra tamén enfrontou os reinos hispánicos: Castela apoiou a Filipe de Anjou, e a Coroa de Aragón, receosa do absolutismo e do centralismo dos reis franceses, a Carlos de Austria.
A guerra durou ata 1713 (Paz de Utrecht), pero continuou en Cataluña ata 1714 e en Mallorca ata 1715. Coa coroación de Filipe V, instaurouse a dinastía dos Borbón e empezou o establecemento do absolutismo centralista.