Filosofía: Reflexión sobre coñecemento e existencia humana
Actividade crítica
Consiste no exercicio de avaliar persoalmente as opinións ou crenzas que a xente acepta como verdadeiras no contexto da vida cotiá. Esta avaliación pode basearse na observación, na experiencia, no razoamento ou no método científico. Require claridade, exactitude, precisión e equidade. Intenta avaliar os argumentos no seu contexto e proporcionar ferramentas para distinguir o razoable do irracional, o verdadeiro do falso.
Arché ou arjé
A sustancia mesma da que está feita o Universo. É o principio que da orixe aos demais elementos visibles. É polo tanto a Esencia e a sustancia do Universo.
Ciencia
Refírese a un proceso racional e obxectivo para acadar coñecementos acerca do mundo que nos rodea e do propio ser humano a través da observación e o razoamento. Tamén se aplica ao conxunto de coñecementos acadados seguindo este proceso, que deberán estar sistematicamente estruturados, e a partir dos que se deducen leis e principios xerais sobre o comportamento da Natureza.
Dogmatismo
Tendencia a asumir determinadas ideas ou teorías sen cuestionárselas, de un modo taxativo e absoluto, sen admitir críticas.
Logos
Significa razón, pero tamén discurso racional, argumentación ou discurso argumentativo. Para Aristóteles era unha das formas da persuasión na actividade retórica.
Mito
Relato sobre feitos marabillosos cuxos protagonistas son seres sobrenaturais. As historias que narran os mitos serven de respaldo ás crenzas centrais dunha comunidade. O mito non se cuestiona, acéptase criticamente sen que exista unha argumentación ou unha proba que lle de respaldo. O mito ten unha función simbólica, que permite comprender e aceptar mellor a realidade natural e social.
Natureza ou physis
Fondo orixinal do que xurdiron todas as cousas que existen.
Obxectividade
Capacidade de coñecer un obxecto con independencia das condicións de observación individuais ou temporais dun suxeito. O coñecemento obxectivo debe ser válido para todos os observadores con independencia da súa posición.
Pregunta filosófica
É unha pregunta que só se fai quen non está conforme coa vida e o que o rodea, pero esta pregunta non atopa resposta mirando unicamente aos feitos, senón que precisa de reflexión, comparación e razoamento para sacar á luz os presupostos nos que nos movemos e que non ten unha única resposta, senón que da lugar a unha multiplicidade de miradas.
Prexuízo
É unha afirmación feita con seguridade, sen sospeita de erro, non xustificada racionalmente, acrítica e apoiada en preferencias afectivas e crenzas.
Principio
O que fai posible que unha cousa exista e permite explicala. Causa ou orixe.
Razón
Facultade do ser humano de identificar conceptos, cuestionalos e deducir outros conceptos a partir dos que xa coñece. Nun sentido derivado unha “razón” é un argumento que apoia ou refenda unha tese.
Relación dialéctica
É unha relación entre varios factores de xeito que estes se inflúen reciprocamente para dar lugar a unha síntese dos mesmos.
Sentidos
Son os mecanismos fisiolóxicos que nos permiten percibir o que está ao noso redor e determinados estados internos do organismo. Fálase habitualmente de 5 (gusto, olfacto, vista, ouvido e tacto) pero tamén da propiocepción, do sentido do equilibrio, entre outros. Canalízanse a través dos órganos dos sentidos.
Necesario
O que non pode ser doutra maneira diferente a como é.
Continxente
Oposto a necesario. O que pode ser dun modo ou doutro; o que pode ser e non ser.