A Filosofía na Época Helenística: Un Período de Transformación

Filosofía e ética2,23 KB

Helenismo

A etapa helenística abrangue desde a morte de Alexandre Magno (323 a.C.) ata a incorporación de Exipto ao Imperio Romano (30 a.C.). En filosofía, trátase da etapa final da Filosofía antiga. O helenismo representa o momento da grande expansión política e cultural da civilización grega polas terras de Oriente e do Mediterráneo oriental. Alexandre Magno propuxérase a conquista do mundo grego e a súa expansión polo Imperio Persa. Trala súa morte, producíronse loitas para conseguir a herdanza do seu imperio, o que levaría á formación dos estados de Macedonia, Siria e Exipto. Estes estados gobernábanse con monarquías absolutas, por dereito de conquista. Isto supuxo a ruptura da polis clásica e das formas de organización social e política dos séculos anteriores. Roma foi aproveitando o desmembramento e fortalecéndose en detrimento de Grecia, anexionada no 197 a.C. A cultura helena impregnou o Imperio Romano nos tempos de Augusto, transmitindo así o pensamento grego a Roma.

A perda da polis e a busca da felicidade

A perda da posibilidade dunha acción política directa levou os pensadores a abandonar as grandes visións sistemáticas anteriores (Platón, Aristóteles). Na época clásica, os cidadáns sentíansse protagonistas e membros da polis, mentres que neste período os filósofos illábanse do mundo e da cidade, buscando a liberdade e a felicidade persoal. Trátase dunha época case estacionaria para a filosofía, pero cun grande desenvolvemento nas ciencias. Atenas seguía sendo o centro filosófico, mentres que Alexandría era a capital cultural. As principais formulacións filosóficas do momento virían da man do epicureísmo, o estoicismo e o escepticismo.

O Epicureísmo e a procura do pracer

O iniciador da escola epicúrea foi Epicuro de Samos, quen no 306 a.C. funda o Xardín, na procura do seu ideal de vida: a felicidade, que se consegue acadando a paz mental. O maior difusor desta doutrina sería o romano Lucrecio na súa obra. Dado que o obxectivo é a felicidade, a ética convértese na disciplina fundamental da filosofía. Os epicúreos defenden unha ética hedonista, partindo da idea de que todos os individuos buscan o pracer e evitan a dor.

Descargar

PDF Word HTML