Feudalismo na Península Ibérica: Séculos IX ao XIII
Partimos da idea de que na Península o monarca necesita o poder para expulsar aos musulmáns, pero vai necesitar á nobreza, ás ordes militares… O que dará lugar ao proceso de feudalización que comeza nos séculos IX e X. Entre os séculos XII e XIII produciuse unha concentración de reinos e señoríos en mans dun reducido número de reis. Existían: a Coroa de Castela, a Coroa de Aragón, e os reinos independentes de Portugal e Navarra.
A pesar da variedade de situacións, o proceso de feudalización presentou varios trazos comúns nos seus territorios:
- O carácter patrimonial e hereditario do reino, considerado propiedade do rei que o recibe e transmite por herdanza, podendo dividilo entre os seus herdeiros. A partir do século XIII, o reino considerouse patrimonio inalienable que debía ser transmitido íntegro: no caso de non ter herdeiros masculinos, a sucesión pasaba ás fillas. Na Coroa de Castela, as mulleres podían reinar pero na Coroa de Aragón e no reino de Navarra, as mulleres só transmitían os dereitos reais sen posibilidade de reinar.
- Erosión do poder monárquico: o rei non dispoñía de poder para ofrecer seguridade e xustiza nos seus dominios a consecuencia dos privilexios que concederon aos nobres a cambio dos seus servizos, fortalecéndose a nobreza laica e eclesiástica.
- Inexistencia dun poder centralizado do Estado.
Diferenzas nas Monarquías Feudais
A maior diferenza nas monarquías feudais atopábase no xeito de exercer a soberanía:
- Na Coroa de Castela fortaleceuse a autoridade do rei que gobernaba, elaboraba leis e xulgaba delitos.
- Na Coroa de Aragón predominou a concepción pactada do poder. Ao fronte das institucións estaba o rei, pero non podía establecer impostos nin leis sen a aprobación das Cortes.
Relacións Sociais no Sistema Feudal
Neste sistema feudal tódalas persoas estaban unidas entre si por lazos de dependencia persoal. Existían:
- Relacións feudo-vasalláticas: pactos entre o rei e os grandes nobres ou eclesiásticos e entre estes e outros nobres de menor rango. Eran pactos de alianza militar a cambio de concesións económicas que incluían vasalaxe e feudo.
- As relacións señoriais: establecidas entre os campesiños e os señores feudais. Os campesiños recibían protección do señor. A cambio, o señor facíase coas súas terras e tiña dereitos sobre eles á hora de ditar ordes, cobrar impostos e administrar xustiza, vivindo os campesiños en situación de servidume.
A Sociedade Estamental
Este sistema deu lugar á conformación dunha sociedade estamental determinada polo nacemento. Os seus membros eran xuridicamente desiguais:
- Nobreza e clero: posuían privilexios e vantaxes xurídicas.
- Terceiro estado: non posuía ningunha clase de privilexios.