Fernando VII: Absolutismo e Crise en España (1814-1820)
Fernando VII – Primeira Etapa (1814-1820)
Trala marcha de Xosé I e o Tratado de Valençay en 1813, asinado por Napoleón, Fernando VII regresa a España. Nese momento, xorde un problema político ante a incerteza de se o rei aceptaría as reformas das Cortes de Cádiz. Por unha banda, os liberais esixían que aceptase e aprobase os decretos da Constitución de 1812, pero, por outra banda, os absolutistas viron na súa volta a posibilidade de declarar nulos todos eses decretos liberais e volver ao Antigo Réxime. Foi entón cando este grupo decide mobilizarse e pedirlle, ou propoñerlle, a Fernando VII, a través do documento do “Manifesto dos Persas”, o retorno do absolutismo. Fernando VII, seguro da febleza dos liberais, incumpre a súa promesa e, coa axuda dos nobres, eclesiásticos e militares, anula os decretos elaborados en Cádiz, comezando así a primeira etapa do seu reinado, coñecida como o Sexenio Absolutista (1814-1820).
Nesta etapa restablécense as institucións abolidas anteriormente do Antigo Réxime, como a Inquisición, os gremios, a Mesta, as señorías xurisdicionais, os privilexios feudais, etc. Debemos destacar, ademais, que este primeiro período da monarquía de Fernando VII presentou varios problemas que levaron a unha crise económica e inestabilidade de goberno, como as elevadas perdas humanas e materiais durante a Guerra da Independencia, que arruinaron o campesiñado e paralizaron o comercio, a crise da Facenda (que impediu a chegada de novos ingresos) e o cambio ideolóxico de moitos grupos sociais (os campesiños deixaron de pagar as rendas e a burguesía reclamou a volta ao Réxime constitucional).
Aínda que a oposición liberal non foi maioritaria, si que se levaron a cabo pronunciamentos militares e revoltas/motíns do campesiñado que, aínda que foron sancionados, fixeron evidente o descontento e a quebra da monarquía absoluta. Entre os militares, debemos destacar o pronunciamento protagonizado por J.D. Porlier no ano 1815 na Coruña (defendendo a convocatoria das Cortes e a elaboración dunha Constitución), que rematou coa execución de Porlier na propia cidade. Ademais, houbo algúns intelectuais liberais que optaron polo exilio, pero outros crearon sociedades secretas de carácter masónico para conspirar contra o rei.
En xaneiro de 1820, un dos soldados das tropas preparadas en Sevilla para combater nas colonias americanas, chamado coronel Don Rafael de Riego, sublevouse e proclamou a Constitución de 1812. Aínda que ao principio foi apoiado por unha parte do exército, pronto contou co apoio dos militares da Coruña e da burguesía local, nomeando entón unha Xunta de Goberno de Galicia, restablecendo a Constitución e acabando coas autoridades realistas. Esta “actitude” prolongouse a outras zonas de España e Fernando VII viuse obrigado a aceptar a Constitución de Cádiz.