A Evolución Económica do Franquismo: Autarquía e Desenvolvementismo

Historia6,18 KB

Análise da Evolución Económica do Franquismo

Os seguintes documentos permiten realizar unha composición sobre a evolución política e económica durante o franquismo, que se desenvolve en dúas etapas claramente diferenciadas.

Os documentos 1 e 2 fan referencia á etapa da autarquía, presentando as liñas xerais desta política económica (doc 1) e un balance da mesma (doc 2). A segunda etapa é a do desenvolvementismo, á que fan referencia os restantes documentos, mostrando as xustificacións do Plan de Estabilización de 1959 (doc 3), as manifestacións do cambio económico e a entrada na economía de consumo (doc 4) e os fenómenos que fan entender estes cambios económicos (doc 5 e 6).

Contexto Político e Social (1939)

A Guerra Civil finalizaba o 1 de abril de 1939 e con ela acababa a legalidade republicana. Comezaba así unha nova etapa para España dirixida por Franco, que impuxo unha ditadura persoal con trazos fascistas e totalitarios, impoñendo a súa vontade apoiado pola Igrexa, o Exército e a Falanxe.

A Situación Económica Post-Guerra

Cando rematan os enfrontamentos militares, a economía estaba desartellada. A produción agraria e industrial era moi inferior á de 1935, as reservas de ouro e divisas desapareceran e a rede de transporte atopábase moi deteriorada. Ademais, España, tras a Segunda Guerra Mundial, quedou illada internacionalmente, por ter un réxime totalitario e pola súa posición na guerra.

Primeira Etapa: A Autarquía (1939-1959)

Neste contexto, o réxime de Franco promove a autarquía.

Obxectivos e Estratexia Autárquica

O obxectivo era converter a España nun país industrializado, militar e politicamente forte, que tiña que ser economicamente autosuficiente. Para conseguir isto, o réxime buscaba o illamento do exterior e a substitución do mercado pola intervención xeneralizada da Administración. O resultado foi:

  • O bloqueo do crecemento económico.
  • A redución da competitividade.
  • O desaproveitamento da favorable conxuntura económica que coñeceu Europa tras a Segunda Guerra Mundial ao aplicarse o Plan Marshall.

Eixes de Actuación da Autarquía

A autarquía tivo dous grandes eixes de actuación:

  1. Regulamento das relacións económicas co exterior: As importacións e exportacións pasaron a estar completamente controladas, sendo necesario contar cun permiso para facelas (doc 1: “Suprimir…” “Reducir…). Como consecuencia, encarecéronse os produtos que a economía tiña que importar e produciuse unha gran escaseza de bens de consumo e de materias primas.
  2. Fomento industrial: Orientado cara ás actividades de interese militar (doc 1 “implantación…” “intensificar…). Como resultado da autarquía creouse unha economía moi pouco competitiva onde o tráfico de influencias e a corrupción foron elementos destacados.

Consecuencias Sociais: Os Anos da Fame

No sector agrícola, a fixación de prezos polo Estado provocou un descenso da produción e un desabastecemento de alimentos, anos coñecidos como os “anos da fame”. Isto obrigou ao réxime, desde 1939, a establecer as chamadas cartillas de racionamento, para organizar a distribución dos produtos de primeira necesidade.

Como consecuencia, aparecen os estraperlistas e o mercado negro, polo que as transaccións facíanse á marxe da lei. En moitos casos, os seus prezos duplicaban ou triplicaban os do mercado oficial.

Malia os esforzos do réxime franquista, os resultados desta política autárquica foron negativos, como se ve no doc 2 (“Non se recuperou”). A política económica tivo moitos fallos: os prezos fixáronse de forma arbitraria e os produtos protexidos encarecéronse moito, elevando a inflación e freando o crecemento.

Segunda Etapa: O Desenvolvementismo (1959-1975)

O Plan de Estabilización de 1959

A situación era moi crítica. Franco formará un novo Goberno no que destacaban dúas personalidades tecnócratas do Opus Dei: Alberto Ullastres, como ministro de Comercio, e Mariano Navarro Rubio, como ministro de Facenda. Estes dous ministros elaboraron un Plan de Estabilización Económica, que consideraban imprescindible para asentar sobre unha base sólida o proceso de crecemento económico (doc 3: “Superadas…”).

Mediante este Decreto ou Plan, impuxéronse unha serie de medidas básicas para orientar a economía do país:

  • Redución do gasto excesivo do Estado e dos particulares.
  • Desaparición progresiva dos controis do Goberno sobre as actividades económicas, etc.

Éxito e Factores do Crecemento

O Plan de Estabilización foi cualificado como a operación económica de máis alcance realizada polo Estado no período entre 1939 e 1959. A súa aplicación foi un éxito, xa que España coñecerá unha etapa de forte crecemento económico, uníndose aos países máis industrializados do mundo. Este crecemento baseouse nunha forte expansión industrial.

Este crecemento industrial atraeu a un gran número de campesiños que fuxiron en masa ás cidades, o que supuxo a mecanización do agro e a modernización deste sector (doc 6).

A balanza comercial era deficitaria, pero a balanza de pagamentos daba superávit polos seguintes ingresos (doc 5):

  • O *boom* do turismo.
  • As remesas dos emigrantes españois en Europa.
  • Os capitais estranxeiros investidos aquí.

Cambios Sociais e Economía de Consumo

A partir de 1963 o Goberno tratou de regular o crecemento grazas aos Plans de Desenvolvemento. O crecemento viuse interrompido entre 1961 e 1973, debido tamén á balanza económica internacional. Así, a poboación española sufriu unha fonda transformación que levou a coñecer cotas de benestar e de consumo inimaxinables nas etapas anteriores.

O exemplo típico foi a adquisición dun automóbil (diversifícase a industria), o famoso Seat 600, como vemos reflectido no doc 4. O consumismo levou a un cambio de mentalidade, substituíndo os valores tradicionais do primeiro franquismo.

Descargar

PDF Word HTML