Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión
1. Introdución
A marxinación histórica do galego explícase polo conflito lingüístico existente en Galicia, onde dúas linguas conviven e compiten por asumir máis funcións e falantes. Esta situación de diglosia, na que o castelán (lingua A) se asocia a usos formais e prestixiosos, mentres que o galego (lingua B) se relega a usos informais e menos prestixiosos, deu lugar a un complexo de inferioridade que provoca o rexeitamento e a infravaloración da lingua propia, xerando prexuízos e estereotipos lingüísticos.
Prexuízo: opinión preconcibida, baseada nunha xeneralización errónea. É un xuízo de valor negativo sobre unha lingua ou os seus falantes, co obxectivo de provocar rexeitamento.
Estereotipo: conxunto de crenzas sobre un grupo de persoas. É un clixé ou idea xeneralizada que se dá por verdadeira. A posición inferior do galego deu lugar ao estereotipo do falante galego como "persoa aldeá, inculta, pobre e con baixo nivel de estudos".
2. Tipos de prexuízos
2.1. Prexuízos tradicionais
- Estéticos: crenzas como "os chistes teñen máis graza en galego", "é unha lingua doce e agarimosa" (falsamente positivos), "é unha lingua bruta", "a gheada é de pailáns"...
- Socioeconómicos: "o galego é unha lingua de pobres e incultos", "co galego non se vai a ningures fóra de Galicia", "o seu uso é un atranco para a vida laboral"...
- Socioculturais: "o galego está relacionado coa incultura", "é de mala educación contestar en galego se che falan en castelán", "o galego non é apropiado para a música actual nin para materias científicas"...
2.2. Novos prexuízos
- Discurso de xerarquización lingüística: a idea de que hai linguas máis importantes ca outras, naturalizando a imposición do castelán e xustificando o discurso da discriminación do castelán cando se intenta que o galego ocupe a súa función.
- Prexuízo contra os galegofalantes que non se axustan ao estereotipo tradicional: persoas urbanas, con formación, que usan o galego con naturalidade, ás veces percibidas como ideoloxicamente radicais, con "pose intelectual" ou desexo de notoriedade.
- Prexuízos dos propios falantes: a crenza na propia falta de competencia en galego, que xustifica a falta de uso.
- Rexeitamento da variedade estándar: a percepción do galego estándar como artificial e distanciado da lingua falada e popular ("a auténtica"), sen recoñecer a necesidade dun modelo común para desenvolver a lingua nos ámbitos formais.