Estereotipos e Desafíos do Galego: Unha Análise Sociolingüística
Sociolingüística: Estereotipos e Prexuízos Lingüísticos
Se nunha comunidade hai dúas linguas en contacto, estas reproducen a xerarquía social existente nela: unha das linguas –a dominante– vai ocupando progresivamente os ámbitos da outra –a dominada– e provocando a súa substitución. A esta lingua dominada ou recesiva (que vai perdendo usos) chámaselle tamén lingua minorizada e é empregada unicamente nos ámbitos socioculturais máis baixos, sendo ignorada ou desprezada nos máis elevados, dos que foi desprazada pola lingua dominante. Esta discriminación social nos usos das dúas linguas denomínase diglosia.
A situación de dependencia que a sociedade galega viviu durante varios séculos provocou que se asentase en amplas capas da sociedade un fondo complexo de inferioridade denominado autoodio, caracterizado polo rexeitamento e a minusvaloración dos propios sinais de identidade, raíz dos prexuízos e das valoracións negativas sobre o idioma galego.
Consecuencias e Obstáculos para a Normalización
Os usos diglósicos e a ruptura da transmisión xeracional son dúas graves consecuencias dos prexuízos lingüísticos. Un dos moitos obstáculos no camiño da normalización é a vixencia de determinados estereotipos e prexuízos lingüísticos que pretenden transmitir a idea de que a lingua minorizada (o galego no noso caso) non é tan válida para o desenvolvemento como a hexemónica, polo que non ten futuro:
Mitos e Estereotipos Comúns sobre o Galego
- O galego é propio do mundo rural.
- O galego non serve para as matemáticas ou a informática.
- O galego non serve para nada fóra do territorio.
- O que hai que aprender é inglés e non galego.
- O galego só o falan os nacionalistas.
- O galego normativo é “inventado”.
- O galego non ten sentido no mundo actual globalizado e con Internet.
Todas estas son falsas crenzas e tamén se aplican noutros casos de linguas minorizadas. O galego é unha lingua tan válida coma calquera outra en todas as situacións.
A Evolución dos Prexuízos Lingüísticos na Sociedade
Os prexuízos van evolucionando xunto coa sociedade. Aínda que non tantas persoas defenden xa abertamente que o galego é unha lingua inferior, dáse un discurso que implicitamente proclama a xerarquización lingüística, isto é, a consideración de que existen linguas con máis importancia que outras, o que leva á naturalización da imposición do castelán. Estes prexuízos converten os procesos de normalización de linguas minorizadas no Estado español en presuntos casos de discriminación do castelán.
Impacto dos Prexuízos na Mocidade Galegofalante
Todo isto provoca que as persoas novas que deciden empregar o galego na súa vida cotiá se teñan que enfrontar á presión de todos estes prexuízos. Ademais, a xente nova ten inseguridade lingüística porque non atopan suficientes contextos onde falar en galego. Esta percepción da falta de competencia convértese nunha xustificación da falta de uso.
O Prexuízo contra o Galego Estándar e a súa Importancia
Por último, cómpre sinalar que o prexuízo de que a variedade estándar é artificiosa e se distancia da lingua falada, popular e “auténtica”, supón a pretensión de que o galego non deba ter un modelo para usos formais, cando é un modelo imprescindible para todas as linguas.
Conclusión: A Necesidade de Superar os Prexuízos
Vencer estes prexuízos é indispensable para que a normalización do galego sexa factible e completa.