O Estatuto Real e o Triunfo Liberal (1833-1836): Reformas e Revolucións
O réxime do Estatuto Real e o triunfo liberal (1833 – 1836)
En 1833, á morte de Fernando VII, a súa muller María Cristina converteuse na rexente do reino no nome da súa filla Sabela II, menor de idade. A rexente buscou apoios nos sectores máis moderados, tanto realistas como liberais.
Entre 1833 e 1836, María Cristina decretou unha amnistía que permitiu o retorno dos exiliados liberais e realizou diversas reformas. Tivo que enfrontarse tanto aos carlistas como aos liberais radicais.
A reforma provincial
A reforma provincial foi decretada en 1833 polo goberno de Cea Bermúdez e realizada por Xabier de Burgos, ministro de fomento. España foi dividida en 49 provincias, modificándose así as vellas divisións administrativas e desaparecendo os antigos reinos medievais. A reforma buscaba unha maior racionalización administrativa, unha maior centralización e control territorial. Á fronte de cada provincia estaba o Xefe Provincial, antecedente do Gobernador Civil.
O Estatuto Real
En 1834, María Cristina nomeou xefe de Goberno a Martínez de la Rosa e realizou concesións políticas entre as que destaca o Estatuto Real. Neste Estatuto, a Coroa renunciaba a manter en exclusiva o poder, admitindo unha ampliación da participación política en beneficio das clases posuidoras (0.15 % da poboación). Os dereitos dos cidadáns e a separación de poderes non eran mencionados.
As revolucións de 1835 e 1836
En 1835, nas principais cidades de España producíronse numerosas revoltas, motíns e pronunciamentos de carácter popular estimulados polos liberais radicais e pola situación orixinada pola guerra carlista. Formáronse xuntas locais que asumiron o goberno e restableceron a Constitución de 1812. María Cristina confiou o Goberno a Mendizábal quen realizou numerosas reformas en 1835, entre elas destacan:
- O restablecemento das Deputacións provinciais, nas que foron incorporados os membros das Xuntas.
- A supresión de todos os conventos e a exclaustración.
- A expropiación e venda dos bens das ordes eclesiásticas suprimidas e do clero secular (desamortización eclesiástica, tamén coñecida como a Desamortización de Mendizábal). Tiña como finalidade solucionar os problemas fiscais, de ampliar os adeptos de Sabela II e desmantelar o poder económico da Igrexa e así eliminar a financiación do exército Carlista.