Epistemoloxía, Antropoloxía e Política en Platón: Relación e Xustiza

Filosofía e ética2,85 KB

Relación entre epistemoloxía, antropoloxía e política en Platón

Platón distingue dous mundos: o mundo sensible e o mundo intelixible. O mundo sensible é a realidade material que coñecemos polos sentidos. As cousas que hai nel cambian, son imperfectas e desaparecen. O mundo intelixible está formado polas Ideas, que son universais, eternas e non cambian. Para Platón, este é o mundo que representa a verdadeira realidade.

Esta diferenza relaciónase co coñecemento. Do mundo sensible obtemos a doxa, que é a opinión, porque os sentidos non nos permiten conseguir un coñecemento verdadeiro. Do mundo intelixible obtemos a episteme, que é o verdadeiro coñecemento e consíguese mediante a razón. O proceso de coñecemento vai desde o particular ata o universal e chega finalmente á Idea de Ben.

Antropoloxía: corpo, alma e a busca da virtude

Isto tamén se relaciona coa súa visión do ser humano. Platón defende un dualismo antropolóxico, formado por corpo e alma. O corpo é mortal, imperfecto e cambiante, mentres que a alma é eterna e é a esencia do ser humano. A alma debe buscar o coñecemento das Ideas e, sobre todo, da Idea de Ben, xa que así consegue purificarse e alcanzar unha boa vida e a felicidade.

A división tripartita da alma

Platón divide a alma en tres partes:

  • Racional: busca o pensamento e o coñecemento.
  • Irascible: busca os sentimentos nobres e o honor.
  • Concupiscible: busca os desexos e apetitos corporais.

A cada parte corresponde unha virtude: sabedoría, valentía e temperanza. Ademais, está a xustiza, que consiste en que cada parte da alma cumpra a súa función.

Política: a cidade xusta

Esta idea de xustiza aplícaa tamén á política. Na República, Platón propón unha cidade ideal dividida en tres grupos:

  • Gobernantes: teñen como virtude a sabedoría e neles predomina a alma racional.
  • Guerreiros: teñen como virtude a valentía e predomina neles a alma irascible.
  • Produtores (artesáns, comerciantes e campesiños): teñen como virtude a temperanza e predomina neles a alma concupiscible.

Conclusión: a unión dos tres aspectos

Así, a relación entre estes tres aspectos é clara: o coñecemento das Ideas permite coñecer o Ben; a alma debe buscar ese coñecemento; e os que coñecen o Ben son os que deben gobernar a cidade. Do mesmo xeito que na alma cada parte debe cumprir a súa función, na cidade cada grupo debe cumprir o papel que lle corresponde. Isto é o que permite alcanzar a xustiza.

Descargar

PDF Word HTML