Economía e sociedade en Galicia (séculos XVI-XVII)

Historia5,14 KB

Economía e sociedade galega nos séculos XVI e XVII

Nos séculos XVI e XVII, a sociedade e a economía galegas foron fundamentalmente agrícolas. Neste período, a evolución económica e demográfica de Galicia pasou por diversas fases.

Fases económicas e demográficas

O crecemento do século XVI

O século XVI foi unha época de crecemento, baseado na situación estratéxica de Galicia nas rutas comerciais atlánticas, o que favoreceu a expansión das actividades comerciais e artesanais. Na agricultura mantívose o vello sistema de produción feudal baseado no cultivo de cereais (trigo e centeo) e no barbeito, que permitiu o crecemento dunha poboación que chegou a duplicarse, sobre todo na costa, onde estaban as principais vilas, ás que se sumaban Santiago e Ourense no interior. A actividade pesqueira, que alcanzara un importante desenvolvemento na Idade Media, mantívose no século XVI, destacando o crecemento da vila de Pontevedra, cun influente gremio de mareantes que controlaba a salga do peixe.

A crise de finais do XVI e comezos do XVII

Desde finais do século XVI, o perigo dos ataques holandeses e ingleses orixinou unha importante recesión do sector pesqueiro no século XVII. O crecemento xeral decaeu durante as primeiras décadas do XVII como consecuencia das crises políticas e a ruptura do equilibrio entre poboación e recursos. O crecemento demográfico non fora acompañado polo dos recursos agrícolas, o que causou a aparición de crises de subsistencia:

  • Malas colleitas
  • Fames
  • Pestes

Estes factores causaron un notable descenso da poboación.

A recuperación do XVII: a chegada do millo

A segunda metade do século XVII foi, de novo, unha época de recuperación que se mantivo ata mediados do XVIII. Este período foi de agrarización e ruralización e coincidiu coa introdución do millo en Galicia a partir de 1630, procedente de América. As dificultades estimularon a transformación do sistema agrario e, desde a costa cara ao interior, foise estendendo o cultivo deste produto, que alterou o sistema de rotacións, diminuíndo en moitas zonas o barbeito e potenciando o incremento da gandaría. Os cambios permitiron un forte crecemento da produción e da poboación, que fixo de Galicia unha das rexións máis poboadas de España, con máis dun millón de habitantes, en contraste co panorama negativo do século XVII no resto de Europa.

A estrutura social da Galicia moderna

A estrutura social galega nos séculos XVI e XVII centrábase na terra. Dunha parte estaban os perceptores de rendas señoriais e, doutra, os labregos, que traballaban as terras baixo diferentes formas de cesión.

O sistema foral

Desde o século XVI, a forma de cesión máis estendida era o foro. Este tipo de contrato, especialmente agrario, de longa duración ou, ás veces, perpetuo, establecía que unha persoa ou institución (a fidalguía e a Igrexa) cedía a outra o uso ou proveito dun ben (xeralmente unha terra) a cambio do cumprimento de diversas condicións previamente estipuladas. Este sistema provocou que as clases dominantes de Galicia se configurasen como unha sociedade de rendistas, entre as que salientaba polo seu número a fidalguía rural.

Os grupos sociais

Os grupos privilexiados

Entre as clases dominantes, que vivían das rendas, destacaban tres grupos:

  • A alta nobreza: Familias como os Andrade ou os Lemos estiveron en moitos casos asociadas ás empresas políticas e militares dos Austrias, desempeñando elevados cargos na administración (vicerreis, embaixadores) e, paulatinamente, enlazaron coas familias nobiliarias castelás.
  • O clero: Foi un grupo moi poderoso ao percibir unha parte importante das rendas agrarias e exercer un enorme poder no seu territorio. Resultou moi característico de Galicia o poder dos señoríos eclesiásticos dos mosteiros.
  • A fidalguía: Integrada pola pequena nobreza, grupos de burgueses e campesiños enriquecidos, foise configurando como un grupo cada vez máis poderoso. A súa actividade centrábase no cobro de rendas (foros, subforos, arrendamentos), actuando ás veces como intermediarios entre os grandes propietarios (alta nobreza e clero) e os labregos, ao que contribuíu o baleiro de poder que deixou o absentismo da alta nobreza. A súa consolidación como grupo social e económico quedou plenamente configurada durante o século XVII, e a súa categoría social fíxose visible mediante a construción de grandes pazos.
Os grupos non privilexiados

Pola contra, os labregos, que representaban arredor do 80 % da poboación de Galicia, traballaban terras que case nunca eran da súa propiedade e vivían baixo duras condicións. Á marxe desta división social de base foral, existían outros grupos sociais non privilexiados:

  • Os mariñeiros, agrupados en gremios e confrarías.
  • Os artesáns urbanos, tamén organizados en gremios.
  • Os comerciantes.

Descargar

PDF Word HTML